Silvia Díaz
Grazas, Chelo
Chelo, vés de anunciar que te retiras da política activa, á que dedicaches tantos anos, para iniciar unha nova etapa na túa vida persoal. A túa decisión, sen dúbida meditada, sen dúbida coherente e honesta, de poñer o broche de ouro á túa carreira política, significa tamén un fin de ciclo para o Concello de Poio, que nas últimas décadas non pode entenderse sen Chelo Besada. A túa entrega, a túa capacidade de traballo, o teu trato cordial e accesible e a túa maneira de entender a política como servizo á cidadanía son só algunhas das leccións que nos deixas como exemplo a seguir.
Nos anos que fomos compañeiras de corporación, e nunha parte deles tamén de goberno, houbo como é lóxico encontros e naturalmente discrepancias pero, coa certeza de que é máis o que nos une que o que nos separa, tamén politicamente, as posturas diferentes e o debate sirven tamén para o achegamento. E entre o moito que teño que agradecerche está a túa franqueza e a túa sinceridade para abordar de fronte os malentendidos, e resolvelos. Porque falar contigo é sempre doado, como tamén o é entenderse cando coincidimos na vontade de traballar para conseguir un concello mellor para a nosa veciñanza.
Como muller, temos que recoñecerche todos os horizontes que ensanchaches, amosando que os espazos públicos non teñen por que estar exclusivamente acaparados polos homes. Estamos ás portas dun novo 8 de marzo, no que poñemos o foco sobre as mulleres pioneiras que abriron camiños e que contribuiron a desmontar o sistema patriarcal que relega á metade da poboación a un segundo plano. Encabezar a candidatura ás eleccións municipais, exercer a primeira tenencia de alcaldía durante tantos anos, mesmo ser alcaldesa de Poio malia que fose en funcións, ou ser deputada provincial son fitos que acadaches e que tes que permitirme que che diga que son tamén un pouco de todas. A túa marcha deixa á actual corporación cunha muller menos, pero xa temos avanzado varios chanzos no camiño cara a igualdade grazas ao teu paso por ela.
Como veciña decepcióname, aínda que non me sorprenda, que haxa opoñentes políticos que procuren aproveitar para espallar insinuacións maldicentes sobre a túa merecida xubilación, desperdiciando a ocasión de ter a altura ética que se lles debería presupoñer para recoñecerche os anos de entrega e dedicación ao noso concello, o teu sentido da responsabilidade, a túa honestidade, o teu talante prudente e conciliador e os resultados do teu traballo. Unha vez máis e coma sempre, temos a seguridade de que saberás estar por enriba de quen tente embazar a túa traxectoria. Non é esta unha despedida senón a benvida a unha nova etapa vital que che desexo próspera e proveitosa, como te mereces. Grazas, Chelo