Pedro J. Peón Estévez
Ialma ou a persistencia da memoria
Este mércores 23 á tardinha achegueime ao Pazo da Deputación de Pontevedra para asistir ó acto de celebración do aniversario da nosa Rosalía. Entre os agasalhos recibidos; camelia, libro de poemas, caldo de gloria (do que me falta tomar sete tazas), houbo un, especialmente bo que, confeso, foi o que me arrastou ó salón nobre do Pazo: as cantigas das belgas Ialma, as nosas cantareiras - pandeireteiras máis internacionais. As Ialma que tivemos a honra de escoitar en Pontevedra son Natalia Codesal, Marisol Palomo, Eva Fernández e Verónica Codesal, primeira voz e compositora. Estaban acompanhadas por un virtuoso do acordeón diatónico: o belga Jonathan de Neck.
Cando estalou o síndrome tanxugueiril lembrei que, había anos, dicían que unha galega estivera a piques de ganhar o eurofestival. Iso levoume a consultalo na internet e foi tirando dese fío que atopei o vídeo. Non era unha galega quen cantaba, eran duas! pois formaba dúo con Marisol Palomo. A canción era ben xeitosa, a interpretación, máis que digna e cunha máxica letra que se entende igual en tódo-los idiomas. E foi tirando do fío que atopei moita información e moitas músicas e puiden comprobar que aquelas mulheres -que eu consideraba retiradas da escea- estaban levando a todos os recantos de Europa o noso patrimonio inmaterial máis fermoso: enxebres cantares EN GALEGO, músicas e danzas.
Todas elas son descendentes de galeg@s. No recital, Marisol pregúntalhe á sua avoa cando, como e porqué se foi da Terra e ela responde: "hai moito tempo", " no tren" e " por fame, por medo..." Cando lhe pregunta que atopou na terra de acolhida, a velha contesta: " casa, trabalho, comida...respeto!" Como Virtudes, a avoa do escritor Xesús Fraga que, tras quedar soa, armouse de valor e plantouse en Londres, sen saber inglés, sen oficio, sen apenas equipaxe e, tras mil vicisitudes, sacou toda a súa familia adiante en tempos moi difíciles no seu Betanzos natal. E tantas e tantas mulheres! Moito se fala da emigración dos galegos pero nada ou case nada das galegas. Como @s devanceir@s das Ialma que cravaron unha pica (pacífica) en Flandes.
Poi iso é Ialma. Uns pais e avós que contan a súa historia con agarimo e EN GALEGO e unhas nenas nacidas e criadas en Bélxica, da que estou seguro son cidadás exemplares, que os escoitaron con interese e respeto e levan a súa arte con orgulho. Poida que na Galiza baixase o uso do galego pero en Bruxelas está garantido.
Como grupo folk internacional, as Ialma son políglotas e adoitan facer colaboracións noutras línguas de feito, no seu último disco hai intervencións nos varios idiomas da península ibérica. No festival de Lorient onde, por suposto, tamén foron, cantaron en bretón, unha língua que o raseiro francés ten case extinguida.
A cousa rematou como tinha de rematar coa primeira planta do pazo convertida nun auténtico fiadeiro coas tazas do glorioso caldo e as Ialma cantando "unplugged" entre nós. Son "charmantes". Cero divismo. Talento e humildade. Au revoir, deica logo