Asociación A Solaina de Combarro
Petición para crear unha ruta didáctica sobre "A arquitectura do pan en Combarro"
SR. ALCALDE DO EXCMO CONCELLO DE POIO.
Sr. Alcalde:
En varias ocasións temos transmitido, en reunións con vostede ou con membros da equipa municipal de goberno, o interese por recuperar en Combarro a testemuña material dunha parte sustancial da súa cultura, como é a dos muíños de río.
Na Guías de Combarro editadas pola Asocación A Solaina en 2013 e 2017, co patrocinio do Concello de Poio dedicamos un capítulo á "A arquitectura do pan: hórreos, eirados, muíños e fornos". En 2014 elaboramos o "Informe Urxente sobre o Conxunto Histórico de Combarro", que incluía un Plan de Actuación en Dez Medidas para conservar e mellorar o patrimonio deste ben de interese cultural que é Combarro. (Este Informe foi enviado no seu día ao Concello de Poio, á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra). Unha das dez medidas era a seguinte: "10a. Deseño e aplicación, nunha acción concertada do Concello de Poio, a Deputación Provincial de Pontevedra a través do padroado Rías Baixas, e de Turismo de Galicia, dun Plan Piloto de Excelencia Turística (Turismo cultural) para o Conxunto Histórico de Combarro". Esta medida incluía varias ideas ou propostas. Unha delas era a que segue:
"3) Crear unha ruta didáctica sobre "A arquitectura do pan en Combarro" (hórreos, eirados, muíños e fornos). Isto levaría consigo o enlazar o Conxunto Histórico, por medio dunha ruta empedrada ou cun firme especial, identificado para o efecto, cos muíños existentes no lugar de A Sela e a restauración destes muíños, de acordo cos propietarios, para convertelos en construcións musealizadas que completen a oferta cultural de Combarro e que ofrezan a imaxe global da súa arquitectura popular. Estes (tres) muíños están a menos de 500 metros do Conxunto Histórico. Esta ruta puidera ser perfectamente alongada cara arriba a través do sendeiro actualmente existente polo entorno do río da Sela, chegando ata a capela da Virxe da Renda, o lugar do Xuviño (onde hai mostras curiosas de arquitectura popular, semellantes ás de Combarro), e ata o lugar da Armadiña, no que se podería habilitar algún miradoiro, pois existen vistas excelentes sobre a Ría de Pontevedra, o Mosteiro de Poio e a ladeira do Castrove."
A día de hoxe temos que recoñecer que neste aspecto concreto a nosa Asociación non tivo éxito, pois ningunha das administracións á que lle diriximos en 2014 o Informe Urxente sobre o Conxunto Histórico de Combarro recolleu a proposta que lle faciamos desde A Solaina, e, en consecuencia, ninguén a levou á práctica.
Agora retomamos esa proposta. Así a trasladamos ao Concello de Poio para SOLICITAR que se faga realidade na súa integridade aquela proposta de 2014 relativa aos muíños de río de Combarro e á difusión da cultura do pan. A conmemoración do 50 Aniversario da Declaración de Combarro como "conxunto de interese artístico e pintoresco de carácter nacional" (Decreto 30-11-1972, BOE, 14-12-1972, p. 22306), creemos que é un momento axeitado para unha iniciativa deste tipo, que conta cos activos e atractivos que indicabamos arriba.
Pola Xunta Directiva da Asociación A Solaina, o Presidente,
Rafael Vallejo Pousada.