Comisión Executiva Municipal do PSdeG-PSOE de Pontevedra
O PSOE de Pontevedra expresa a súa "máis rotunda condena e repulsa ante a atroz invasión de Ucrania"
Ao igual que o resto do mundo, os socialistas de Pontevedra asistimos consternados, abraiados e cheos de tristura e carraxe á brutal invasión e masacre que o exército ruso está a realizar contra o pobo soberano de Ucrania. Unha matanza que para os membros deste partido resulta inconcibible en pleno século XXI e que é froito dos delirios imperialistas dun déspota xenocida como Vladímir Putin.
A Agrupación Socialista de Pontevedra non pode poñerse de perfil ante unha situación de barbarie como esta, na que a poboación civil, sobre todo a máis vulnerable, está a ser asasinada vilmente e a padecer un sufrimento intolerable e cruel. Por tal motivo, queremos expresar a nosa máis rotunda condena e repulsa ante esta invasión atroz e pedímoslles aos países de Europa e do mundo que fagan todo o que estea nas súas mans para axudar a poñerlle fin canto antes.
Ademais, exhortamos á nosa militancia e ao conxunto da sociedade a que non quede pasiva, faga escoitar a súa voz contra a guerra e participe nos actos de mobilización destinados a concienciar e presionar á comunidade internacional e ao pobo ruso para que poñan fin aos desalmados delirios deste autócrata que é Vladímir Putin.
Queremos o final desta ocupación salvaxe. Queremos a paz.