Tribuna Viva
Comunicado dos delegados de Persoal do Concello de Pontevedra
Os delegados e delegadas de persoal do Concello de Pontevedra, representantes dos sindicatos CSIF, UGT, CCOO, CIG, SPPME e AFUMPO, comunican:
O pasado venres 25 de maio os traballadores e traballadoras municipais do Concello de Pontevedra recibiron, a través da aplicación empregada para a xestión de expedientes e tamén a través do seu correo corporativo, un documento asinado pola Concelleira de Persoal, a Sr. Carme Fouces Díaz no que, en resumidas contas, culpa aos seus representantes da actual situación de falta de diálogo e de agochar intencións políticas non sindicais.
Non é o obxecto deste artigo denunciar unha vez máis as mentiras que a Sra. Fouces verte sobre a situación do diálogo social no Concello de Pontevedra, mais si salientar o atípico que resulta que a patronal se dirixa directamente ao seu persoal para calumniar aos seus representantes.
Mediante este desesperado acto de propaganda interna, a Sra. Fouces tenta reparar o dano de imaxe sufrida por ela, e polo goberno municipal, tras as declaracións do pasado xoves nas que deixou ben claro o pouco respecto que profesa cara todas aquelas persoas que expresan unha opinión diferente á súa.
Pero non debemos esquecer o feito de que para difundir a súa mensaxe a Sr. Fouces empregou recursos públicos, tanto materiais como humanos, para unha finalidade particular que nada ten que ver cos intereses da cidadanía.
Non imos responder, por absurdas, ás acusacións de politización que fai a concelleira, pero a tendencia que marca esta nova liña argumental apunta a que o seu grupo municipal vai tentar sacar rédito electoral da confrontación co persoal. Se alguén mesturou a política co sindicalismo desde logo non fomos nós.
Dos seus propios actos queda acreditado que a Sra. Fouces non é unha interlocutora nin fiable, nin respectuosa o que a inhabilita para manter o diálogo social necesario para exercer as responsabilidades da Concellería de Persoal. Tampouco é honesta, sen ir máis lonxe, hoxe rexeitou reunirse coa parte social malia que no seu escrito expresa a súa disposición "a falar das reivindicacións" que decidamos levar á negociación.
En 20 anos de goberno do BNG houbo momentos nos que as relacións laborais estiveron moito máis tensas que agora e aínda así acadáronse acordos. Nos dous mandatos anteriores nos que o Sr. Legísima foi Concelleiro de Persoal pecháronse pactos, tras unhas fortes mobilizacións, que contaron cun amplo apoio sindical. Porén nunca antes se dera unha situación na que ningún delegado ou delegada de persoal se quixera sentar a negociar co/a Concelleiro/a de quenda.
A responsable desta situación de bloqueo non é outra que a señora Fouces e a solución á mesma non e outra que a dimisión ou cese desta persoa no posto de Concelleira de Persoal. Ata que isto ocorra ningunha oferta de diálogo ou negociación social por parte do goberno local será crible.