Marta Rodríguez Engroba
Primeiro, que te acoitelen; despois xa falaremos de protección
Momentos nos que o único que sinto son desexos de berrar de pura impotencia, de carraxe, e de ter diante de min, da miña cara, para dicirlles, ben alto e ben claro, o que penso deles, o miserables que son, non soamente a todos aqueles que nos están a matar a nós, aos nosos fillos, se non a aqueles e aquelas que, tendo a obriga de protexernos, de vixiar aos que atentan contra as nosas vidas, optan por converterse nos seus cómplices co seu silencio hipócrita, cobrando por isto, e sendo, aínda por riba, tratados ás veces coma auténticos heroes ou heroínas, cando o único que son é iso, cómplices dos asasinos de mulleres, de nenos e nenas, sendo o abono constante e eficaz da violencia de xénero, pero, iso si, revestidos de respectabilidade, e mesmo con galóns en non poucas ocasións.
Ata 17 veces tivo que ser acoitelada unha muller en Pinto pola súa parella, multirreincidente en violencia de xénero, para que agora, cando salvou a súa vida de puro milagre, se dignen a brindarlle o acompañamento, desde o Concello, e a protección, desde a Garda Civil, aos que tiña todo o dereito, pero que non se lle prestaron.
Ambos aparecían no sistema VioGen, de protección para as vítimas e seguimento dos agresores (ja,ja,ja,ja... e desculpádeme, pero e que iso xa é rir por non chorar!), pero tamén en ambos casos estaban desactivados, porque temos moito experto e moita experta do noso señor que decide que chega un momento no que hai que desactivar as alertas, coma se fose a alarma do móvil para espertar na fin de semana, que non toca madrugar, ou o DVD que desenchufamos cando nos peta, porque se ve que a maldade, os instintos asasinos, tamén, nun momento dado, se desactivan.
Tiveron, iso si, moito coidado de deixarnos claro nese mísero recuncho que algúns medios de comunicación lle dedicaron, que ela, a vítima, xa fora maltratada por outras parellas, ollo!, que iso cambia as cousas, algo de culpa tería ela tamén...
Claro que foi maltratada anteriormente, para comezar, polos que tendo que acompañala, que protexela, non o fixeron, e con posterioridade ás coiteladas, polos que a insultaron facendo tales comentarios, que non son moito mellores que o executor material da agresión.
Un caso, o desta muller, que é semellante ao de Alejandra Fuentes, a muller de Carballo, que a piques estivo de morrer por unha malleira do seu marido despois de ter denunciado malos tratos psicolóxicos, e a que non se protexeu en ningún momento, nin se fixo seguimento ningún, nin a ela nin ao seu agresor, porque, e de novo os "expertos" falaron, non denunciou violencia de xénero, dixeron, se non insultos e vexacións, e esas feridas, as da alma, non contan, agás para o marketing, para as campañas do goberno coas que se xustifican os miles e miles de euros que se dilapidan en non sei que recursos, entre eles eses carteis e esas campañas, nos que queda tan bonito, tan lucido, advertir que ante os primeiros indicios de maltrato psicolóxico, como poden ser precisamente os insultos, as vexacións, denunciemos.
O que sempre, que curioso!, se lles esquece engadir ou aclarar, e que, despois de facelo, xa é cousa túa protexerte dun malnacido denunciado e impune, ergo dobremente agresivo.
Tampouco moitos dos feminicidios, 18 no que levamos de ano, ou brutais agresións das mulleres que as precederon foron moi diferentes.
En varios deles mesmo había ordes de afastamento en vigor, pero protección, cero.
E en todos eles se dá outra circunstancia común:
O silencio total, a cortiña de fume unha vez pasados os hipócritas minutos de silencio e as fotos, porque cando hai uniformes e Institucións polo medio, e os seus fallos son tan evidentes, tanto que se cobran vidas, o silencio, o finxir que non pasou nada, é a norma implícita, a que non se di en alto, pero que se cumpre escrupulosamente, á espera do esquecemento, unha espera breve, moi breve, de horas como moito, porque a eles e a elas ninguén lles chista, e menos aínda se as vítimas son mulleres anónimas.
Esas non interesan, non dan titulares, nin aseguran participacións en foros mediáticos... e daniños, moi daniños, pero iso é o de menos.
O que importa é sacarlles rendemento, e ese está asegurado.
Esta mesma semana, tiven ocasión de escoitar parte dunhas declaracións de Dolores Vázquez, a muller a que ademais dun mais que evidente fallo do sistema, un deses xuízos paralelos que tan ben se nos dan neste país noso, converteron na asasina de Rocío Wanninkof, estragando a súa vida para sempre, e o que máis me chamou a atención, ademais de que é, a todas luces, unha muller destruída, que destila tristura, amargura, foi que, cando a xornalista lle preguntou que foi o que máis botou en falta unha vez que se condenou o auténtico asasino, ela non o dubidou:
Non foron cartos, non foi unha reparación material. Foi, dixo, e repetiu unha e outra vez, unha sinxela desculpa por parte dos Corpos e Forzas do Estado, das Institucións, que interviron no caso, que a condenaron sen piedade, e repetiu, en varias ocasións, máis para si mesma que para a xornalista ou os espectadores, unha pregunta: Tanto lles custaba?
Non sabedes canto daría por tela preto de min por un momento, por poder atravesar esa pantalla malia que soamente foran uns segundos, darlle unha aperta, e dicirlle que si, que lles custaba, que eles nunca se desculpan, por moi graves que sexan os seus erros.
A nós, as mulleres, si se nos xulga, e ela sábeo ben. Por ser lesbiana, porque o seu carácter non agradaba a moitos, por non ter un físico atractivo, e as demais, polo mesmo, se se dá o caso, ou por ter sido maltratadas (algo faríamos...!), por ter tido mais dunha parella... que sei eu, por mil cousas!, pero os de arriba, os que permiten que isto suceda, están por riba do ben e do mal, e eses nunca se desculpan.
Teñen, ademais, a garantía de que, ao mínimo cuestionamento sobre o seu "bo facer", quen ousa facelo é rapidamente "convidado" a calar, coa connivencia de todo o mundo, porque quedar mal con eles non é unha opción, algo isto que en Si, hai saída sabemos ben e o vivimos na nosa pel.
Amiguiños si, pero, a vaquiña, polo que vale, dí o refrán, e os refráns xa se sabe que son moi sabios.
É esta unha norma tan ben instaurada, que nin ese "feminismo", (de novo aclaro que non o de verdade) que tanto berra contra o sistema, outra cousa é vivir del, e de novo me remito ao que vale a vaquiña, por moi evidentes que sexan os fallos que cometen, malia que custen algunha vida, abren a boca na súa contra.
Así que, así estamos, asi de desolador é o panorama, e, en pleno ano 2022, con 18 mulleres asasinadas, aínda nos teñen que mallar a paos, que acoitelar primeiro, para que nos protexan.
Asociación Si, hai saída