Tribuna Viva
Educación. Outra lei máis, e van 8
Levo 40 anos dedicado á educación, xa podía estar xubilado, pero gústame, non me da preguiza ir ó instituto e pásoo ben tentando que os meus alumnos superen os retos que lles propoño. Sen embargo, este ano é a segunda vez que me ven a idea de deixalo ¿Por que? ( A primeira foi cando tiven que facer a programación da LOMCE )
A educación é unha actividade vocacional. Ou tes capacidade de comprender ós alumnos e conectar con eles; es quen de encaixar os cambios de modos de relación, patróns de respecto, modas, influencia das novas tecnoloxías, cambios na composición das familias e influencias variadas e múltiples, con moitas das cales non estás de acordo, ou toleas. Pois non toleo con isto, aínda que pense que moitos destes aspectos prexudican profundamente ós estudantes.
O problema está no título deste escrito. Levo 8 leis de educación. 7 en 35 anos, segundo un artigo que acabo de ler. Cada 4, 6 ou 10 anos, cambian a lei. Con tanto interese por mellorar (?) a educación, deberiamos estar á cabeza en talentos, ciencia e tecnoloxía, investigación, produción industrial, medicina... pero seguimos sendo o país con mais turistas por metro cadrado, mentres que o equipo da vacina Covid19 española está composto por dous xubilados – de extraordinaria categoría, por certo – e un par de científicos máis; e non se chegou a desenvolver por falla de interese ou apoio, coma en casos anteriores.
A realidade, sen embargo, é que os nosos licenciados son moi prezados en países "atrasados" como Alemaña, o Reino Unido, Quatar, os Estados Unidos, ... pero aquí maltratamos ata ós médicos, que teñen unhas condicións contractuais – e non falo de cartos, senón de calidade de vida e decente estabilidade contractual – dignas dunha monarquía bananera. Bueno, os médicos, e os profesores, e moitos outros profesionais que son como de "usar e tirar". Hoxe fas falla, ven xa; mañán non, a esperar. Iso si, mentres tanto, os doentes fan esperas de meses ou anos e habería que investigar cantos se quedan na espera.
¿Melloramos realmente coas leis? Definitivamente, NON. As leis non son mais que obxectos para tirarse á cara uns partidos políticos a outros, onde os grandes debates veñen por se a relixión debería ou non contar para a nota media, cando o tema debería ser se a relixión ten sentido nun centro público dun país constitucionalmente aconfesional; outro asunto estelar é o reparto de horas entre linguas estatal e autonómicas, ou a todopoderosa capacidade das TICs na aprendizaxe, en vez de consideralas unha ferramenta mais, que é o que son. Tamén se montan outros debates de puro contido político, pero ninguén pensa nos prexudicados por tanta batalla: os alumnos e os profesores.
Ós profesores esíxesenos cada vez mais burocracia. Eu imaxino con frecuencia unha cova húmida e chea de triste vexetación gris, debaixo dunha gran montaña, onde hai unha enorme oficina, onde miles de trolls, totalmente desconectados do mundo real, se dedican a producir enormes cantidades de materiais supostamente pedagóxicos, que no serven absolutamente para nada.
Se a experiencia é a nai da ciencia, debo ter abondo, polo menos de experiencia. Vivín unha época en que as programacións non existían, e os alumnos que saían dos centros educativos foron quen de levar esta país ó grao de desenvolvemento que ten. Alguén pensará que, polo que dixen antes, non estou moi conforme co resultado: pois non, pero o problema non creo que veña principalmente da escola, que sempre tivo e ten os seus defectos; o problema é dun sentido pouco ético do poder, onde o importante non somos os cidadáns, senón a continuidade e beneficio dos que supostamente nos representan. O "ombliguismo" é unha auténtica relixión en política.
Pero volvendo á educación; aparte de cambiarnos as regras do xogo na metade do curso e prantexar un final absurdo, con miles de fotocopias de informes mais absurdos aínda; aparte de facernos recuperar un curso – 9 meses – en 15 días, coa mensaxe absolutamente negativa para os alumnos de que todo se pode remediar no último segundo; agora veñen con outro cambio de lei, de programacións, de terminoloxía, de programa para facer a programación, moito máis complicado, e a ameaza certa de centos de informes que ninguén vai ler. Ademais, os pais necesitan indicacións claras e sinxelas, non un absurdo informe de 2 páxinas coas notas, con 20 ou 30 apartados, onde o único que había que por, no caso de repetidores era: X en repite curso e X no número do curso – non vaia ser que os pais e estudantes se confundan no curso a repetir-. Tamén había que aconsellar o que deberían facer na nosa opinión. Pois mira ti, nese papel tan grande e con tantos apartados, non existía o bacharelato, había que escribilo a bolígrafo. Con tanta presa, esquecéronse.
Os pais de alumnos que tiveron que recuperar materias en Xuño, estaranme entendendo perfectamente, xa que recibiron o boletín con un informe por cada suspenso, cada un cun modelo distinto, uns intelixibles e outros non. O motivo é que, se fas caso á lexislación terías que por todos os estándares a recuperar, e, se che poñen todo iso, quedas con cara de parvo, porque o que tes diante dos ollos é absurdo.
Case non sei por onde rematar, porque tería para varios libros, pero direi que nos están forzando a gastar a enerxía que deberiamos utilizar na aula en parir un montón de burocracia que, cando cerras a porta da aula, non serve absolutamente para nada.
Sen embargo, ninguén enfronta os verdadeiros problemas da ensinanza: excesivo número de materias, excesivo contido das materias, falla de coordinación entre profesores de materias da mesma área para explicar contidos similares coordinadamente, o que suporía máis facilidade para os profesores e un reforzo moi potente para os alumnos; tratamento de temas transversais, culturais e de educación en valores, que tanta falla fan, conxuntamente, porque suporía un gran reforzo e os estudantes aprenderían a informarse, elaborar información e formar as súas propias ideas sobre a realidade que os rodea e a sociedade na que viven.
Pero seguramente, coma coas leis anteriores, moitos profesores seguirán estresados tentando rematar un currículo inabarcable con un mínimo de decencia, e os estudantes seguirán preocupados por aprobar o seguinte exame, en vez de por aprender: "é o que nos piden", din con razón. Si os que organizan o cotarro esixen iso, iso terán, pero é pateticamente empobrecedor. A cuestión fundamental para a administración parece ser que todos os alumnos aproben.... como sexa. Mentres a maioría dos estudantes declaran que o fundamental son as notas, non aprender: "é o que vale".
Mentres tanto, hai un montón de xente xoven, moi válida, queimando a súa xuventude engulindo temas de oposicións inútiles e preparándose para amosar diante dun tribunal de profesores – compañeiros, en moitos casos – que teñen un dominio axeitado da burocracia para ser merecedores dunha praza de docente. Mal sistema de selección para un país onde non nos fiamos uns doutros porque o enchufe foi – e temo que aínda segue sendo en moitos eidos – o deporte nacional ¡Que pena de tempo! Teño todos os anos alumnos de prácticas do mestrado do profesorado. 7 meses de teoría e 2 de práctica. Se fose ó revés, ou mesmo fixeran un curso enteiro de práctica nos centros, terían moi claro o que hai que facer nun centro de ensinanza e como; e os titores teríamos – xa o temos en 2 meses – moi claro quen pode ser un estupendo docente e quen non vale. A aula e os alumnos son o único tribunal infalible, pero non teñen voz nin voto. Os políticos e os trolls pedagogos, que probablemente nunca deron clase o hai moito que non o fan, parece que se apropiaron do monopolio do coñecemento.
Arturo Neira.(Profesor de inglés IES A Xunqueira 1)