Ramiro Espiño
Os "condenados" do Prestige
E de que me estraño? Había realmente a máis mínima posibilidade de que os culpables fosen condenados? Non. Rotundamente, non. Dende o momento e hora que non estaban sentados no banco, era imposible que a sentenza do Prestige fixese xustiza.
E tiveron que pasar 11 anos para isto! Pero nin sequera eses 11 anos son tempo. Son simplemente unha burla máis. Unha tomadura de pelo, non ao pobo galego, senón aos miles de persoas, que, chegados de todas as partes do mundo, fixeron coas súas mans o que outros deberían ter feito dende a súa responsabilidade.
A marea negra que tinxeu as costas e rías galegas serviu para moitas cousas, pero especialmente para deixar moi claro que paga a pena crer neste pobo, estar orgulloso del, exactamente na mesma medida que 11 anos máis tarde entendemos dubídese dos que nos gobernan, e máis exactamente neste caso, dos que deberían administrar xustiza.
Porque non, a sentenza do Prestige non fixo xustiza. Pode que aplicase a lei. Non son quen para dubidar diso, pois carezo de coñecementos xurídicos. Pero o que teño moi claro é que non se fixo xustiza.
E volvo ao principio. Non se fixo xustiza. Non podía facerse, cando no banco se sentaban tres cabezas de turco, pero non os verdadeiros responsables; por certo, case todos elevados dende entón, en "premio" ao seu bo facer, a máis altas dignidades públicas e privadas.
Pero saben o que me apesara de verdade?, que 11 anos despois esteamos nestas. Que 11 anos despois sigamos sen ter un plan de emerxencias axeitado. Que 11 anos despois sigan navegando preto das nosas costas "outros Prestige" en potencia. Que 11 anos despois, se sucede algo similar, continuemos sen ter máis medios que os que había entón e que basicamente consistiron nos barcos, as mans e a determinación dos nosos mariñeiros galegos, e no valor e esforzo da marea humana de solidariedade integrada por miles de voluntarios.
Claro que hai algo que non me dá pena, senón vergoña, e é a campaña emprendida polo "aparato propagandístico oficial" empeñado en converter a controvertida sentenza nunha arma arroxadiza entre os que estaban no poder entón, que casualmente son os mesmos que o están agora, e unha suposta oposición, ou corrente contraria personificada na plataforma "Nunca Máis".
Ler os titulares e primeiras páxinas de determinados xornais nacionais tras a sentenza, lévannos a pensar se as súas respectivas direccións aspiran en realidade a ocupar o inexistente (quero crer) Ministerio de Propaganda.
Para eles o de menos é o que pasou. Nin sequera que poida volver pasar. Para eles o que importa é intentar que comunguemos con rodas de muíño e que cheguemos a pensar que a culpa en realidade é daqueles que simplemente alzaron a súa voz esixindo responsabilidades. Calquera cousa con tal de desviar o tiro, mesmo que, como na canción, a culpa sexa do cha, cha, cha.
Claro que a eses Galicia lles queda lonxe, e os galegos somos eses paisanos aos que "mexan por nós e hai que dicir que chove".
Pois nada. Coa sentenza volven a "mexar por nos ", pero non serei eu quen diga que "chove", senón que, parafraseando a Fernán Gómez, direi alto e claro: Váiase á merda, señoría!...
Iso si, co debido respecto non vaia ser que me empapelen por desacato, como xa quixesen facer alá polo ano 1985 co entón alcalde de Xerez, o andalucista Pedro Pacheco, pola súa famosa frase "la justicia es un cachondeo".
Á fin e ao cabo, non é certo que non houbese condenados pola catástrofe do Prestige. Hóuboos e a millares. Condenados quedan os mariñeiros galegos, os voluntarios, a nosa xente, as nosas costas, os nosos recursos naturais...
Condenados quedan (quedamos) a comernos a impotencia que produce unha sentenza inxusta. Condenados quedan (quedamos) a saber que nada se fixo para evitar que calquera día destes poida chegar "outro Prestige" e todo volva empezar.