Marta Rodríguez Engroba
Unha vez máis as prioridades quedaron claras
Existe, por outra banda, outro tema recorrente ano tras ano, moi grave, do que en Si, hai saída nos fixemos eco desde os nosos comezos e así seguiremos, ata que alguén nos escoite, malia que sempre, e repito, SEMPRE, se fixo caso omiso, que xa se cobrou moitas vidas e propiciou numerosas agresións, que é a evidente desprotección a que quedan expostas moitas mulleres vítimas da violencia machista e os seus fillos, unha desprotección que, se xa non é para celebrar o resto do ano, nos períodos vacacionais atópase, por mor das vacacións e de que, quen ten a obriga de prestarlles esa protección, baixo mínimos, malia estar máis que constatado o aumento do risco nestas datas, xa que, por norma xeral, aqueles que deberían encargarse de exercer esa protección, e que están a gozar do seu dereito ao descanso, dereito que ninguén lles nega, por suposto, non son substituídos.
Cando, por desgraza, isto trae algunha tráxica consecuencia, non se dubida, desde os estamentos con competencia, en alegar falta de recursos, de efectivos, etc, etc, ou mesmo de responsabilizar a propia vítima, coa evidente intención de desfacerse de xeito inmediato da pataca quente, e sen que teña consecuencias para ninguén, agás para a vítima que tal vez pagou coa súa vida o delito que cometeron outros que deberían velar por ela, e sen que se faga nada por enmendar esta dantesca e imperdoable situación, agás, iso si, correr canto antes unha cortina de fume, canto máis espesa mellor.
Este verán é a quenda das picadas a mulleres en espazos concurridos, non se sabe moi ben con que fin, xa que, polo momento, e sempre desde a prudencia, non se trata, como nos están a dicir os expertos, e neste caso falo dos de verdade, de submisión química, nin tampouco de roubos ou agresións posteriores, pero que conseguiron provocar xa unha psicose máis que notable, alimentada, unha vez máis, polos medios de comunicación e polas redes sociais.
Non vou entrar a facer valoracións que non me corresponden en modo algún, pero si creo que non é moi difícil deducir que, detrás destas picadas, que se estenden por todo o país, ou de gran parte parte delas, hai máis dun "gracioso"… ou "graciosa", porque a maioría está a imaxinarse que os autores son uns cantos "machirulos" dexenerados armados cunha xeringa, cando, ao mellor, nalgún caso, o "agresor" en cuestión se chama M. Carmen, Juanita ou Pepita , por poñer algún exemplo, e as súas "armas" son un palillo, a inconsciencia e desexo de amolar que, a estas alturas, están, segundo os casos, ou a morrer coa risa, ou co medo vendo a que liaron… Ou lles importa tres pitos, que tamén pode ser!
Tampouco vou, por suposto, a frivolizar co tema, ou a minimizar a súa importancia e non consideralo, como é, unha agresión as mulleres, que, por suposto, o é, se ben me reitero en que, en moitos casos, tal vez esa non sexa a intención, se non que algún ou algunha con moi pouco cerebro e moita "mala baba", se se me pemite a expresión, está a utilizar a violencia machista dun xeito noxento.
O que desde Si, hai saída nos gustaría destacar é como, de súpeto, este ano, e ante a relevancia que o tema das picadas está a acadar, esa falta de recursos, de efectivos, é subsanada como por arte de maxia, nun tempo récord, e, de xeito inmediato, aparecen axentes de policía, puntos violeta, campañas desde o goberno, protocolos, etc, etc, mesmo drons nalgúns sitio, que están a cubrir, literalmente, todos aqueles puntos nos que se celebran eventos multitudinarios, que non son poucos nestas datas, sen que afecte para nada esa escaseza que deixa ás vítimas indefensas verán tras verán.
Tanto é así, que mesmo o Ministro do Interior, o Sr. Grande Marlaska, de cuxa existencia xa comezabamos a dubidar, se molestou en comparecer e en pronunciarse sobre o tema, ofrecendo toda clase de apoios e recursos, algo que nunca se dignou a facer, como sería a súa obriga, cando as vítimas de violencia de xénero van caendo unha tras outra como consecuencia de evidentes neglixencias cometidas no eido do que é directamente responsable.
Obviamente, non nos parece mal que se leve a cabo esta prevención, se ben temos a práctica seguridade de que, en breve, as picadas caerán no esquecemento para dar paso a outra "noticia estrela".
O que realmente nos preocupa, nos doe, e denunciamos alto e claro, é que, cando interesa, aparecen os recursos, algo que, curiosamente, sempre sucede cos casos que acadan sona mediática, pero que as vidas de tantas mulleres, de tantas nenas e nenos vítimas da violencia machista, polo que se ve, non merecen.
O que denunciamos, alto e claro, é a importancia real que neste país noso se lle está a dar a violencia de xénero.
O que denunciamos alto e claro é que, unha vez máis, as prioridades quedaron claras, moi claras.
Asociación Si, hai saída