Era visto. Nin Concelho, nin Defensa, nin Xunta, nin Armada, nin mestre armeiro. Uns polos outros e a cuberta sen fregar. Tal como era de suponher, chegou o quinto centenario de, nada menos que, a primeira volta a este planeta, épica singradura de dor e morte a traveso de tres océanos, capitaneada por Magalhães e Elcano, e o monumento pontevedrés "A los hombres de esta rías que...." segue en estado calamitoso.
O tal monumento (ou o que queda del) está doado de atopar: nos xardíns de Vincenti, tras da Normal e fronte á rúa Raínha Victoria (Albízaras!; sen tráfico rodado). Desde alí víase o mar cando foi emplazado o tal en 1959. Hoxe vese un mar de tixolo e cemento, nin rastro de mar vivo, río ou Moureira. O mar de Molhavao e Lourizán (mar de Pontevedra) foi sepultado en aras do "proghreso". As vistas melhoran moito se fican tapadas pola borraxeira; ou o fume celulósico; ou ambas cousas.
Disque tinha o tal monumento os nomes dunha ducia de ilustres navegantes, arriba, polo reverso: Paio Gómez Charino, Alvar Páez de Soutomaior, Afonso Jofre de Tenorio, Juán de Nova, Pedro Sarmiento de Gamboa (hai unha cutre pedrinha en lembranza deste home, preto da Ponte da Barca, onde estivera a sua casa antes de ser fagocitada pola especulación urbanística), Gonzalo de Vigo, Bartolomé e Gonzalo (irmáns Nodal), Juán de Matos, Enrique Mc Donell e Casto Méndez Núñez. As letras metálicas destes nomes desapareceron hai anos, probablente roubadas polos mesmos que fixeron as pintadas. No seu costado esquerdo existe unha grande áncora de fundición que disque pertenceu a un galeón afundido na batalha de Rande. Nun principio, penduraba dela, unha grosa cadea, tamén dos pecios de Rande...úla a cadea ? quen a levou ? -Chi lo sa. Os da pintada non foron porque pesaba o seu. Por descontado, (e esa é outra) nin traza do mapa de Juán de la Cosa.
Alá a primeiros de maio abordei este mesmo tema onde, aparte das celebridades devanditas, citei outros non tan famosos pero non menos importantes galegos que formaron parte da flota de Magalhães-Elcano na volta ó Mundo.
Antón de Noia, grumete. De Noia, A Corunha
Vasco Gómez Gallego, grumete. De Baiona, Pontevedra
Vasco Gallego, piloto da Súa Alteza. Galicia
Juán Gallego, grumete. De Pontevedra
Luís de Avendaño, grumete. Dena, Pontevedra
Rodrigo Nieto, criado capitán Cartagena. Ourense
Gonzalo(ou Gregorio) Álvarez Martínez. Vigo, Pontevedra
Diego Carmena Gallego, marinheiro. Baiona, Pontevedra
Rodrigo Gallego, grumete. A Corunha
Vasquito Gallego, paxe. Filho de Vasco Gallego, piloto. Galicia
Simón da Rochela, calafate. A Rochela, A Marinha, Lugo.
Estes foron "homes destas rías que hacharon gloria polos caminhos do mar"...
e ingratitude polos caminhos da terra. O apelido "Gallego" éralhes xeralmente imposto no intre de se enrolaren para diferencialos dos portugueses.
O vindeiro 6-09-2022 cumprirase medio milenio en que Elcano e uns poucos superviventes arribaron a Sanlúcar de Barrameda a bordo da nao Victoria.
A que fora programada como expedición comercial, converteuse nun dos grandes fitos da humanidade cando as ilhas Molucas e as súas especias eran o novo Eldorado.
Tanto a expedicón de Elcano- Magalhães como a seguinte do marqués de Loaísa foron moi positivas no científico e comercial, pero un regueiro de sufrimento e morte no humano. Esta mala fada terminou por afectar tamén ó ruinoso monumento das Palmeiras.