Pedro J. Peón Estévez
ENCE fai augas (menores)
No outono todo vén abaixo. Cae a folha, o pelo, o ánimo e tamén a chuvia a baldes, pois nunca escampou que non chovera, para alivio dalgúns que andaban co curso tan apertado que non lhe cabía unha palha. E vaia se choveu ! Arrolhou tan forte que ata se revolveu a cascarilha ! E mesmo choveron paridas. A seguir, damos conta dalgunhas.
Ó pouco de se ter iniciado a alarma por seca, lembran que choveran catro pingueiras un día ? Daquela, a Augas de Galiza faltoulhe tempo para botar os sinos a voar asegurando que o nivel do Lérez xa subira abondo. Naturalmente era un bulo. O nivel dun río non sobe dunha hora para a outra, e menos se non chove abondo. Os seus amigos de Lourizán aínda terían que agardar unha tempadinha pola auga. Coma así, non faltaron voces, un tanto entusiastas en aportar solucións: a factoría pasteira seguiría activa utilizando o efluente da depuradora dos Praceres...! Si, así como o oen...por surrealista que pareza. Aforremos comentarios. O tema xa é bastante absurdo per se como para removelo máis. E menos este tipo de materias...Ninguén opinou ó respecto, prova de que o persoal non se repuxera do "shock". Pero a cousa non rematou aí.
Augas de Galicia encarga un estudio da auga empozada na velha mina de Forcarei a fin de saber se é posible TRASVASALA Ó CAUCE DO RÍO LÉREZ !!. Sen comentarios; o persoal seguía en "shock".
Esta semana anterior, pouco antes das chuvias, a pertinaz conselheira retomou a "velha" idea de facer pasta cos nosos mexos (suponho que revertería nuha rebaixa da nosa factura de augas maiores e menores) Pois menos mal que veu a chover que se non...
E tanto choveu que ata se "revolveu a cascarilha" e mesmo caeu a pinga que colmou o vaso, o vaso de Rafael, que se puxo farruco e díxolhe á pasteira (en castrapo, claro): "A ver que pasa con ese comprometido plan social que, nin con auga nin sen ela, hai xa ben tempo que non afrouxa unha cadela e hai unha xeira de colectivos, mormente aqueles montados ex profeso, que non cheiran unha puta pela". Axinha contestaron os outros: "Roma non paga a treidores..." (perdón, metéuseme unha frase doutra historia); dixeron: " O prometido é débeda...que se fará efectiva cando os xuíces acorden prorrogarnos a concesión ate o infinito. Ós dos "colectivos"... pregúntelhe onde estaban cando a manifestación". Vexamos: isto non afecta en nada á liberdade do Poder Xudicial ? É este un intento de influír nas decisións xudiciais? Pode ser unha chantaxe á xudicatura botando á xente por diante? Chi lo sa... Non se mate don Rafa, os celulos non pensar soltar un patacón; son os rácanos de sempre e calquera desculpa lhes vale. Non se preocupe, home, a biofóbica xa rompeu calquera compromiso con Pontevedra, Lourizán e co mundo enteiro alá a finais dos cincuenta, comezos dos sesenta do sec. XX, cando se veu apropiar da Enseada de Lourizán. Non se alporice que se lhe revolve a cascarilha, colha a picaranha e arrinque o skatódromo de Raíña Vitoria.
Que ence fai augas é conto velho. Xa no programa La Opinión en tempos de Hipólito Fraguas botaron unha semana insistindo en que pararan a actividade para que a cidade puidese beber...Na Opinión, o parladoiro dos pobres! Pensaban (e pensan) que facían un favor, como se a auga doce non fose, por lei, para consumo humano preferentemente. Ence fai augas tamén cando o mar pasa sobre a "Autovía" e se lhe mete endentro, cousa que pasa cada inverno. A "Autovía" debería ter máis un metro de alto pero houbera custado máis cara e non sería o negocio tan redondo. Esa obsoleta factoría foi posta na desembocadura dun río para beber del. Por outra banda inzou a conca con millóns de secantes eucalitos reducindo o caudal do río de forma drástica, por iso tivo que parar. E é que nin para eles son bos. Vén o inverno, esquecerase todo e o verán- outono que vén, repetirase o conto. E así ate....
Esta semana visitei Urxencias de Montecelo. Un verdadeiro caos. O persoal estresado atende o melhor que pode os pacientes que a moi recortada Atención Primaria non pode atender. Mentres tanto alí o lado, nas obras do Gran Montecelo, unha tal Ethel, conselheira, un tal López Diéguez, un tal Flores e o noso Rafa Domínguez facían unha amena visita facendo plans de futuro como si os problemas presentes a uns metros dalí, non foran responsabilidade deles. Do fiasco do Monte Carrasco nin mu.
Seguirá chovendo: chanchulhos; chuzos de punta; inflación; facturas; bombas; cornos...
E aínda o que queda por caer neste noso país! Xa o dicía o meu compadre: AQUÍ O QUE NON CAE, ESCORREGHA.
Que non se vos revolva a cascarilha.