Gregorio Agís
Un novo proxecto integrador, de presente e de futuro para Poio
O pasado 3 de novembro fixemos público o acordo a través do cal o PSdeG-PSOE e Avante Poio apostan por ir xuntos nun mesmo proxecto integrador. Son consciente de que esta decisión, totalmente consensuada e respaldada por ambas formacións, pode causar sorpresa. Pero a realidade é que nestes tres anos e medio de traballo conxunto no Goberno local, demostramos que existe entre nós unha gran sintonía e unha capacidade de sacar cara adiante actuacións e proxectos de calado e de gran importancia para a veciñanza, sendo esa a nosa prioridade número un.
Nos últimos días son moitas as persoas que nos transmiten a súa satisfacción e a súa esperanza sobre o futuro deste proxecto integrador. Un proxecto no que non hai cabida para egos nin para siglas. A única ideoloxía que nos move é Poio; facer que o noso municipio continúe medrando e xerando riqueza e actividade comercial, económica e social suficiente para ser un referente en participación cidadá e un destino turístico de primeiro nivel e un dos concellos con máis benestar da bisbarra.
Sabemos que haberá críticas e que haberá quen intente torpedear ou desacreditar este proxecto, no que apostamos por persoas preparadas e capacitadas para xestionar e dar solución ás necesidades dos veciños e veciñas. Chega un novo tempo a Poio, un cambio de ciclo político que entendemos que debemos liderar desde a humildade, o traballo en equipo e en favor do interese xeral. Temos claro que o PSOE leva sendo desde hai tempo o verdadeiro motor de Poio e, agora, damos un paso máis para seguir traballando por todas e todos vos.