Pedro J. Peón Estévez
Never more. (A caixa negra do Prestige)
"Never more" dicía cada pouco o corvo de E. Alan Poe, encaramado sobre o branco busto de Palas Atenea. O noso corvo mariño tamén quería dicilo pero non puido facelo atragoado de chapapote. Centos, miles de cormoráns debatíanse ó longo da costa galega, enchoupados en mortífero alcatrán, nunha lenta, cruel e dolorosa agonía naquel negro inverno de 2002. O mouro corvo de Poe resultou ser tristemente profético no xa lonxíncuo 1845.
Pasaron vinte anos e, segundo o famoso tango, vinte anos non é nada...si, vémosnos nas fotos con máis pelo, menos enrugas. Vinte anos non foron nada para os torpes irresponsables culpables de todo aquilo que se ven rufenhos, mantidos e ben pagados de si mesmos. Poderemos dicir dos Rajoi (o eterno enchufado), Trilho, Asnal, Keascos, López Veiga, Cuco, Sors etc. que foron torpes, irresponsables, ignorantes pero nunca desobedientes. Eles fixeron ben o seu trabalho; o que lhes mandaron desde arriba, desde o sistema feudal que manda aquí desde hai máis de cinco séculos. Por iso todos foron premiados e ascenderon. Un deles chegou incluso a presidente, si, ese mesmo que se reboza no chapapote de "Sanjenjo" ou na mediterránea fosa común. Si, todos os negacionistas foron xenerosamente recompensados, pero para salvarlhes o cu prenderon ó capitán Mangouras que, para máis "inri" foi o único que cumpriu co seu deber ! A historia repétese; libran a tódolos Barrabases e prenden ó Cristo a sabendas da sua inocencia. Que contraste entre a infinita tristura do valente capitán Mangouras e as risotadas descarnadas e soeces de López Veiga ! Saberemos algún día de quen partiu a orde de prender a Mangouras e por que ? Esta, no paraíso da impunidade, é unha pregunta retórica.
E pasou o Trillo voando (sobre o ninho do Cuco e suponho que non en Yakolev) e dixo: "Las playas están ecxplendorosas" (manda güevos !). Polo caralho baixou a sacar piche; tampouco o cabo Perijil, que tamén veu ver a cousa a vista de paxaro, e nunca melhor dito.
E volve o corvo a dicir "Nevermore". E todos repetimos " Nunca Máis " ate ficar roucos. E os que apanharon esmola, codia, prebenda ou, melhor dito, suborno, dicían "Outro máis !" E os cacicotes do Plan Galicia dicían "Mais que nunca". Hai quen di que o tal Plan non serviu para nada. Ben, non é de todo certo. É verdade que aquelas valhas apodreceron e remataron por caer. Sen embargo fixeron o Parador de Muxía, que resultou ser un completo fracaso: Muxía perde povoación a marchas forzadas. De tódolos xeitos, o Parador é un digno antro de relax para a nosa cacicaxe cando se solazan na Costa da Morte. Non lembro quen fora o prea aquel que dixo que había que bombardear o barco para que ardera fuel e todo e se afundira...Non se inútiles son un cacho hó. Só lhes falta o que asou a manteiga e o inventor da pólvora molhada como asesores !
E vinheron voluntarios a miles e a xente tivo que organizarse pola súa conta. Non había medios. O goberno estaba ido, a Xunta, desaparecida. Dicían pola radio e a televisión que non había marea negra e a xente tínhaa xa dentro da casa e a marea humana chegada de tódalas partes, voluntarios, marinheiros botáronse ó chapapote con unlhas e dentes e salvaron boa parte da costa e as rías. E mentres tanto os negacionistas da Xunta dicindo que non pasaba nada, que todo estaba baixo control.
E o corvo, desde a testa de Palas Atenea, dixo: "Never More". O corvo de Chévere en Santiago. Foi unha tarde de chuvia pero pagou a pena. Temos uns mandatarios totalmente ineptos pero a nosa xente do teatro libre é a melhor que existe.
E vinheron as eleccións e pasou o que pasou. Daquela, tinha radio no choio e oín a un cabreadísimo voluntario que estivera en Muxía ponher o grito no ceo á vista dos resultados. Non sei quen era o mozo pero tinha máis razón que un santo e sería por iso que me veu á cabeza aquilo de que cada povo ten o que merece.
Vinte anos despois, as praias están ecxplendorosas pero o chapapote segue aí nos fondos e baixo as pedras para sempre. Cómpre baixar ó pecio e ver os " hilillox de plaxtilina en extiramiento vertical" que aínda hai e selalos. Ademais, aínda que pasaran vinte anos, aquí seguen mandaricando os mesmos e, de vir outro Prestige, estaremos na mesma...ou peor. O corvo, encima da testa de Palas Atenea dixo: " Nunca Máis "...ate cando ?
NUNCA MÁIS ghalipote nesta terra ! Cando a desertización avanza inexorable, a "verde" Galiza ve as suas augas mermadas, emporcadas. Parece un mal pesadelo. Galiza, a terra da auga, dos dous mares, dos mil ríos, tamén da chuvia..."También la lluvia" de Iciar Bollaín, unha obra mestra. Nela, o noso Tosar pregunta a Aduviri, o gran actor amerindio nesta gran fita sobre o levantamento polo dereito a auga potable en Cochabamba, Bolivia:
- Era necesario tanto sacrificio por un poco de agua ?
- Siempre nos cuesta caro. Nunca fué fácil. Podria haber otra forma pero no la hay.
- Y ahora qué vas hacer ?
- Sobrevivir, como siempre; es lo que hacemos mejor.
É o que nos queda ós galegos, sobrevivir. Sobrevivir a chapapotes, incendios, minas, encoros, monocultivos industriais, UE, OTAN, á eternamente impune cacicaxe. Sobrevivir ou emigrar...unha vez máis.
Auga; eis a clave. Non esquezamos que Berta Cáceres foi asasinada por reivindicar o dereito a beber.
E MAN ? Quen matou ó alemán de Camelle ? O mar ? Un raio divino ? Fuenteovejuna ? Hai responsables da morte de MAN, que dean a cara. Cara tenhen e moita pero non a darán, non...
...E o corvo dixo: NUNCA MÁIS !