Espazo Feminista Marín
Dende Espazo Feminista Marín queremos comunicarvos o cesamento oficial da nosa actividade
Boas tardes compañeiras,
Dende Espazo Feminista Marín queremos comunicarvos o cesamento oficial da nosa actividade.
Fai algo máis de 5 anos comezamos na nosa vila un camiño que non sabiamos como ía transcorrer, pero que tiñamos moitas ganas de descubrir. Neste camiño, atopámonos cun Marín que nos acompañou na nosa primeira manifestación o 8 de marzo de 2018, manifestación que organizamos con apenas recursos e na que pensabamos que iamos ser catro gatas, pero na que nos atopamos centos de persoas. Cun Marín que berrou con nós nos 25N e 8M dos anos seguintes polos nosos dereitos, eses que pensamos que tiñamos gañados e polos que temos que seguir pelexando. Cun Marín que acolleu as nosas charlas, as nosas actividades e as nosas propostas e nos axudou a medrar colectiva e individualmente.
Temos moito que agradecer, unha etapa das nosas vidas sempre será do Espazo Feminista Marín, mais por desgraza, as cousas bonitas tamén teñen que chegar ao seu fin. Aínda que o intentamos, negar a realidade (aínda que esta doa) non é san e tras meses de maduración sobre os nosos propios tempos e coidados, chegamos á conclusión de que este espazo ten que descansar e deixar semente en todes para que novos proxectos poidan crecer.
Queremos agradecer todo o apoio recibido (e por que non, incluso tamén todo ese odio que algunhas persoas nos lanzaron cando en Marín decidimos erguernos e loitar, cando decidimos non calar máis, e co seu rechazo só nos axudaron a amosar o necesario que era un espazo así). Sempre gardaremos a lembranza desta etapa na que nos permitístedes coñecervos (e coñecernos), compartir coidados, películas, charlas, historias, información e moito, moito cariño. E por suposto, na que compartir berros e loitas. Espazo naceu para tecer un lugar seguro e esperamos de corazón que igual que o foi para nós, o fose para vós.
Pola nosa parte, seguiremos formándonos e participando individualmente para construír novas realidades lonxe do patriarcado, do capitalismo, da transfobia, do racismo, do capacitismo e do longo etcétera desta sociedade na que nos tocou vivir, e agardamos que todes vós poidades facer o mesmo. Grazas de novo por acompañarnos nesta etapa, quedaremos sempre con iso. Isto non é unha rendición.
Por último, necesitamos a vosa axuda para unha última acción, queremos doar o peto de Espazo a algún proxecto, asociación ou persoa que o precise. Non temos moito, pero esperamos que sexa de axuda. Deixaremos as redes e o correo activo un tempo para quen queira contactar con nós para facernos algunha proposta, non dubidedes en facelo.
Unha aperta enorme,
Espazo Feminista Marín.