Tribuna Viva
Cerdedo pola Sanidade Pública
Nos últimos días, na plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública tivemos coñecemento da imposibilidade para recibir a atención pediátrica debida por parte dunha veciña da parroquia de Figueiroa. Esta veciña acabou por acudir a unha consulta privada en dúas ocasións no decurso de catro días ante a imposibilidade de recibir atención médica para as súas crianzas (con idades de 7, 5 e menos de 1 ano), que padecían arrefriados, febre e bronquite. O motivo para esta falta de atención foi o feito de que a pediatra tiña xa todo o seu horario completo.
A veciñanza de Cerdedo, e tamén a de Forcarei e Cotobade, padecemos un servizo de pediatría precarizado, coa atención dividida entre o Centro de Saúde de Forcarei e o de Tenorio, sen a presenza de enfermeira/o en ocasións e sen que o posto da nosa pediatra sexa cuberto durante o período de vacacións. En Cerdedo, o Sergas decidiu hai anos suprimir os servizos de pediatría e matrona, e debemos ir até Forcarei nos dous días disponibles para que as nosas fillas e fillos sexan atendidos.
Aínda recentemente, tal e como recolleu a prensa, o novo xerente da Área Sanitaria Pontevedra-Salnés, José Flores, defendía esta precarización da atención pediátrica argumentando que a ratio de nenos/as atendidos pola nosa pediatra está por baixo da media da área. Un argumento que só responde ao propósito do Sergas de reducir a inversión pública en materia sanitaria.
O Sergas quere gastar menos e as consecuencias pagámolas nós, vendo o noso dereito a unha atención sanitaria pública vulnerado e en perigo. Por que os nosos fillos e fillas non poden ter unha cita coa súa pediatra calquera día da semana, como sería normal? Por que temos que esperar varios días para conseguir unha cita que podemos necesitar na maior brevidade posible? Por que temos que optar por desprazarnos a Pontevedra para ser atendidos en urxencias no Hospital Provincial (logo dirán que “colapsamos as urxencias sen motivo”) ou por buscar unha saída pagando un pediatra privado?
Desde as institucións din defender o rural, din que toman medidas para "fixar e atraer poboación" mais, á hora da verdade, as persoas en idade de ter fillos atópanse con dificultades como a carencia e precariedade de servizos básicos como este. Así só se fomenta o abandono das nosas aldeas e vilas. Seguiremos esixindo, pois, a recuperación do servizo de pediatría e de matrona para Cerdedo, porque nós temos os mesmos dereitos que calquera outro/a cidadán galego/a.
Plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública