Tribuna Viva
"No fue culpa tuya, ni tampoco mía"
A veciñanza de Pontevedra asistimos, unha vez máis, a un espectáculo satírico político municipal. Este é froito da deixadez do Alcalde, o goberno municipal e o BNG por Pontevedra, e da tranquilidade e da comodidade coa que a oposición (PP) vivíu este mandato de Lores que rematará en 6 meses.
O goberno local, temos que ter claro que non pode por excusas á non adxudicación a tempo do contrato das luces do Nadal. Entre outras cousas, porque aínda firmando o contrato fai uns meses, coma as nosas veciñas Poio e Marín, podería indicarse no mesmo que as luces serán instaladas a partires do 16 de decembro. É dicir, non pode ser excusa que se retrasara a tramitación do contrato pola contaminación. Non ten que firmarse o contrato o 15 de decembro para instalar as luces o 16. Non é máis que un xesto de tomadura de pelo dende a área municipal competente e, para máis inri, dende a propia alcaldía, que saíu a contradicir o dito horas antes por Carme Da Silva. E días despois, Anabel Gulías, contradicindo ao propio alcalde, con: "no es por ahorro, es una decisión política".
Pero lonxe da incompetencia que as veciñas e veciños coñecemos que teñen os nosos políticos municipais, atopamos, coma sempre, e con meses de retardo, á oposición. E sí, digo meses, porque a oposición tamén vive no Concello de Pontevedra. Non vos creades que traballan na sede da calle Génova, en Madrid, ou na sede do barrio de San Lázaro, en Santiago, inda que as veces o pareza por presentar mocións máis propias do Congreso dos Diputados ou do Parlamento de Galicia que das competencias e necesidades municipais. Ao vivir na casa consistorial, onde teñen despacho, e saudar tódolos días aos compañeiros dun e doutro partido, e coñecer todos os movementos, os horarios e as axendas de cada un, así como as reunións das mesas de contratación (por exemplo), eran perfectos coñecedores de que non estaba feito o anuncio de licitación do contrato de suministros para as luces de Nadal, e que por tanto, non se chegaría a tempo.
E se non eran perfectos coñecedores de que o contrato non estaba anunciado a tempo, deberían avisalo. Fixéronno? Non. Porque ten más rédito político para o Partido Popular criticar unha traxedia e un prexuízo a todas as veciñas e veciños que tentar amañalo e previlo. Porque -supostamente- logras máis votos se avisas de que non había mangueira cando arde a casa de todos por culpa dun, que avisando fai dous meses de que había que mercar unha. E digo supostamente, porque máis de un e de unha pode levarse unha sorpresa nos próximos comicios.
Aproveitarse das traxedias e das desgrazas ás que o Goberno local nos ten acostumados para facer caixa en seis meses, é tan reprochable como non facer nada ata o mes de novembro, a ver se podemos recortar un par de días de gasto de luz, non vaia a ser que a contaminación das luces de Pontevedra provoquen o aumento de 3 centímetros do nivel do mar o ano que ven, que as nosas deben ser as únicas que se prenden en España e no mundo; que mentres nós prendemos as luces do Nadal, non están as de Vigo, as de Nueva York, ou as de Madrid acendidas, nin tampouco vanse acender eses días as fábricas hipercontaminantes da India ou da China.
Por tanto, e en conclusión, ás veciñas e veciños só nos queda seguir coa "Monotonía" dos nosos representantes na corporación local. Alimentan os seus propios egos políticos, lonxe da vida real dos pontevedreses, procurando sempre atallar unha cantidade de votos dabondo para ter a representación necesaria para seguir cómodos na corporación municipal, ou mesmo lograr un sillón diferente, na Deputación de Pontevedra, ou se o facemos coa pleitesía premium, no Parlamento galego. Algo similar á canción de Shakira, Rafa Domínguez, co tema das luces de Nadal, e tras avisar coñecendo a situación fai meses, ben podía entoarlle a Lores o seguinte: "No fue culpa tuya/ni tampoco mía/fue culpa de la monotonía/Nunca dije nada, pero me dolía/Yo sabía que esto pasaría."
Sen embargo, toda a veciñanza debémoslles cantar a ambos: "Te felicito, qué bien actúas/de eso no me cabe duda/con tu papel continúa/te queda bien ese show"
PD: enténdase PSOE nas referencias ao Goberno local. Que non están pero están. Son como as formigas e os pulgóns. Unhas chupan dos outros para alimentarse, e os outros son defendidos por unhas das aves.
Asina: un veciño canso de mentiras.
Daniel Estévez Fernández