Xerardo Torrado Agulla
Unhas reflexións dun lector de Dumas
Hoxe toca reflexións literarias máis que históricas. No ano 2016 lera O conde Montecristo, de Alexandre Dumas pai (1802-1870). Recentemente acabo de rematar Os tres mosqueteiros, do mesmo autor. Comparando ambas obras non teño dúbida algunha na miña elección: gustoume máis, moitísimo máis O conde de Montecristo. Tiña un profesor na facultade que era da opinión que a obra de Alexandre Dumas era tan extensa que de xeito obrigado tiña que ter un equipo de "negros" escribindo para el. Pero os estilos son totalmente distintos nambas obras, pero tamén temos que facer constar que un autor evoluciona co tempo, e isto afecta tanto a Alexndre Dumas como Víctor Hugo (hai grandes diferencias entre Orientais de 1829 e A lenda dos séculos de 1859), a Nietzsche (son distintos “autores” os de Aurora de 1881 que o de O anticristo de 1888) como ó misterioso Homero, sinalar os cambios sociais e mentais, as diferenzas existentes entre a Ilíada e a Odisea, tería que ser obxeto dun artigo aparte, sen dúbida interesante, pero non vou entrar no tema.
Pódese cuestionar a existencia de tales equipos de escribintes a soldo de Dumas, xa que o estilo interno de cada obra é demasiado coherente como para pensar en varias plumas. Son moitos os autores dunha obra extensa, sen ir máis lonxe o noso Benito Pérez Galdós. Teño na casa dos meus pais os seus Episodios nacionais e me pregunto cómo foi capaz unha persoa de escribir tanto. Ou galego Antonio López Ferreiro, coengo compostelán que ademais de A Tecedeira de Bonaval, escribiu os voluminosos once tomos da Historia da Santa Apostólica Metropolitán Igrexa de Santiago, ademais dos seus estudios arredor dos Fueros da Terra de Santiago. A pesares deste dous exemplos, o caso de Alexandre Dumas é aínda máis notable, a obra é extentísima.
O estilo de Dumas en O conde de Montecristo é máis serio que en Os tres mosqueteiros, sendo a historia de Edmundo Dantés escrita un ano despois da primeira aventura dos tres mosqueteiros. A continuación escribiría a segunda parte da historia dos mosqueteiros, Vinte anos despois, onde o cardeal Mazarino suple a Richelieu, e onde estilo vólvese máis pausado, de seguro que Artagnan, que xa leva vinte anos coma tenente dos mosqueteiros, ten un carácter máis sosegado, aplacadas as súas aspiracións de gascón que soña cun rápido ascenso en París. O estilo é Dumas faixe máis sobrio en Vinte anos despois, pero sen dúbida menos vivo, menos infantil. Dumas medra en profundidade, ¿faino durante un so ano, o que transcorre entre 1844 e 1845?. Os diálogos teñen que ser máis chisposos en Os tres mosqueteiros, caracterizados por unha meirande fluidez, é natural que en Vinte anos despois, o ritmo sexa máis sosegado, xa que os propios protagonistas son máis pausados, incluso a xenreira entre Artagnan e o conde de Rochefort se troca nos inicios dunha amizade. O tenente dos mosqueteiros que ve que tras vinte anos non consegue ascender a capitán, ten que ter, á forza, un carácter máis pausado.
Non teño dubidas, O conde de Montecristo é máis profunda que a historia dos catro amigos, como se as ideas se coceran a lume lento na mente no preso dende un calabozo do Castelo de If. A primeira é unha historia de vinganza, a de Dantés contra Mondego, Villefort, Danglars e Caderousse; a segunda unha historia de amizade, a dos mosqueteiros, na cal, por certo, Artagnan é promovido a mosqueteiro e a tenente dos mesmos grazas ó ladino Richelieu, en teoría o seu pior inimigo. Síntome mal, teño remorsos como o dostoievskiano Raskolnikov por preferir a vinganza á amizade, cando sen dúbida a amizade é preferible por min á vinganza coma sentimento.
O estilo de Dumas tampouco é o mesmo si comparamos a Os tres mosqueteiros, publicada no 1844, que en Vinte anos despois, publicada no 1845, mesmo ano no cal publica O conde de Montecristo, o cal leva a pensar nunha capacidade de producción literaria realmente inmensa, é comprensible polo tanto pensar no uso dun exército de escribintes, pero a coherencia interna leva a pensar nunha mesma pluma dando forma final ó conxunto, algo que igualmente se produciría no proceso da posta por escrito dos poemas épicos homéricos na Atenas do século VI a.C. por orde do tirano Pisístrato, polo menos dous séculos despois da composición dos poemas orais. Homero, como especialista en Historia Antiga, sempre foi tema de meu meirande interese, pero hoxe deume en escribir, aínda que foran unhas breves reflexións, acerca do grande, enorme, Alexandre Dumas pai. Ante a avalancha de novidades editorais, as veces xurden novas edicións dos clásicos, entres os cales Alexandre Dumas é un dos destacadísimos autores ós cales sempre hai que acudir, coma Homero... pero Homero queda para outro día.