APE Galicia
APE Galicia lamenta a subida do prezo das peaxes e do combustible de cara ao ano que vén
O presidente da Asociación de Autónomos y Pequeñas Empresas de Galicia (APE Galicia), José Ramón Caldas, manifestou o seu "descontento" e "desconformidade" coa subida do prezo das peaxes no ano 2023.
"Para o colectivo autónomo e as pemes esta é unha moi mala noticia. Nun momento tan difícil para o sector as tarifas deberían conxelarse", lamentou Caldas.
Neste eido, o presidente de APE Galicia subliña que a decisión de autorizar a subida do 4% nas peaxes da AP-9 e na AP-53 "súmase á supresión da bonificación dos 20 céntimos por litro en combustible", o que, recalca Caldas, "converterase nunha ruína para os galegos e galegas".
Doutra banda, o presidente de APE Galicia tamén teme que esta medida adoptada nas peaxes supoña unha demora dun maior incremento no 2024. "Tras un ano difícil por diversos motivos coma o fin da crise do covid-19, a subida da inflación e a guerra, o que se debería facer é apoiar ao colectivo autónomo e pemes, que é o que xera máis riqueza na nosa comunidade", indica José Ramón Caldas.
Máis polo miúdo, o Goberno Central vén de limitar ao 4% á alza de peaxes en 11 autopistas en 2023, entre as que se atopan dúas galegas: a AP-9 e a AP-53.
Segundo informou o Ministerio de Transportes, esta medida adóptase para mitigar o aumento das tarifas do 8,4% derivado do índice de prezos ao consumo (IPC).
Ademais, a partir do ano que vén, tamén se elimina a rebaixa de 20 céntimos ao litro de carburante en determinados casos, deste xeito manterase a bonificación para o sector do transporte profesional por estrada.
Ao respecto, o presidente de APE Galicia celebra que se manteña este desconto para o sector de transporte pero sinte profundamente que non se conserve para o colectivo autónomo e as pemes, que serán grandes prexudicados coa supresión da bonificación dos 20 céntimos por litro de combustible.