Cerdedo pola Sanidade Pública
Nova mostra da precariedade do servizo de Pediatría
Desde Cerdedo pola Sanidade Pública queremos denunciar unha nova mostra da precariedade do servizo de Pediatría que na actualidade nos corresponde á veciñanza de Cerdedo, e tamén á de Forcarei e Cotobade.
De novo volvemos ter queixas da veciñanza pola non cobertura deste servizo durante a ausencia da nosa pediatra. Igual que sucede todos os anos polas vacacións de verán ou por outros motivos, as súas ausencias non son cubertas e podemos estar varias semanas sen pediatra. Nesta ocasión, estamos toda esta semana sen servizo.
A alternativa que se nos ofrece é ir ao PAC de Cerdedo, onde habitualmente non hai médicos especializados en pediatría. Se non, temos que desprazarnos ata Pontevedra, ás urxencias infantís do Hospital Provincial, onde nos indicarán que é precisamente a/o pediatra quen debe facer un seguimento do estado da nena ou neno. Cando vai facer ese seguimento se podemos estar durante tanto tempo sen poder ter unha cita, nin tan sequera telefónica, ao non ter substituto/a?
O Sergas di que o servizo que temos é suficiente, mais este caso e outros que temos denunciado recentemente demostran que non é así, que está precarizado e non cubre as necesidades das cativas e cativos. Tampoco é de recibo que se nos envíe ao PAC, cando o servizo de urxencias non está para atender situacións que poden ser tratadas de maneira normal en pediatría; despois, desde o mesmo Sergas, pedirase á cidadanía que non "colapse as urxencias" e non acuda a elas cando non é preciso.