Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo
A PDMM contra a depredación enerxética na Galiza
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo apoia a manifestación convocada por Veu polo Aire o vindeiro domingo 22 de xaneiro en Vigo con saída ás 12 da mañá do cruzamento de Vía Norte con Urzaiz a nome de "O pogo galego unido contra a depredación enerxética" e "As cidades e o rural xuntas contra o capital".
A Plataforma salienta que esta mobilización coincide co aluvión de proxectos de parques eólicos, ao redor de 140 proxectos e 3721 MW de potencia a instalar, que está a tramitar vía de "urxencia" a Xunta de Galicia, a maioría deles cunha declaración de impacto ambiental de xeito favorable, baixo a presión da patronal empresarial do sector eólico e antes de que remate o vindeiro 25 de xaneiro o prazo concedido baixo prórroga pola Rede Elécrica Española para o seu enganche e conexión.
Por outra banda lembra que este 2023 remata a "moratoria" de 18 meses para a admisión de novos parques eólicos establecida desde hai un ano pola propia Xunta de Galicia, para así tramitar os 275 expedientes e 7.200 MW de potencia que ela mesma recoñeceu que tiña sobre a mesa.
A Plataforma salienta que a finais do ano 2021, e despois de que fóra abaixo o proxecto do parque eólico de Pedras Negras que promovía anteriormente a empresa Enel Green, xurdíu a ameaza dun novo proxecto entre os montes das parroquias de Ardán, Cela e Ermelo, dos concellos de Marín e Bueu, do que estaba detrás a empresa construtora ACS, e dalí a pouco sóubose que a empresa Aratel Renovables, socia así mesmo de ACS, presentara dous novos proxectos ao Concello de Moaña.
Estes novos proxectos encadraríanse, ao igual que o proxecto anterior, dentro da denominada Área de Desenvolvemento Eólica (ADE) do Morrazo, un triángulo de 4.300 has. que abrangue territorio dos concellos de Pontevedra, Vilaboa, Marín, Moaña e Bueu e que sen a correspondente e legal avaliación de impacto ambiental, está incluída dende o ano 1997 no caduco e obsoleto Plan Sectorial Eólico de Galiza.
Nesa ADE proxectaronse no seu momento ata 35 ubicacións de aeroxeradores entre os 400 m. e os 600 m. sobre o nivel do mar, que se corresponden coas cotas máis altas da península do Morrazo e con extensas panorámicas entre as rías de Vigo e Pontevedra. Tamén se corresponde coas concas de nacemento de moitos e dos máis importantes ríos da comarca e ao seu redor, na contorna, existen varios hábitats de interese comunitario e mesmo prioritario e fauna e flora salvaxe de interese, en solo rústico e de protección de espazos naturais. Tamén se corresponde a nivel cultural coa existencia de varios xacementos arqueolóxicos, en especial de mámoas do neolítico á parte doutros como petróglifos e elementos etnográficos e do patrimonio civil. E finalmente tamén se corresponde a nivel social e económico con moitas das explotacións tradicionais, en especial a forestal e agraria, mais tamén mananciais e traídas de augas, áreas de lecer, sendeiros peonís e de bici de montaña ou puntos de despegue do parapente.
A Plataforma, e colectivos dentro dela, xa teñen alegado no pasado tanto ao proxecto do parque eólico de Pedras Negras -o único tramitado ata a actualidade- como sobre todo contra da existencia desta ADE no Morrazo, que é a que lle daba soporte no seu momento ao citado proxecto de parque eólico e que, por engadido, o sigue sendo para calquera outro que se tramite na actualidade ou no futuro e onde ao impacto paisaxístico e ambiental que provocaría a instalación de aeroxeradores coas súas plataformas de montaxe, se lle sumaría a de pistas de acceso, subestacións e liñas de evacuación elécricas.
Por outra banda, as áreas de maior potencial eólico da Galiza -Mariña luguesa, Costa da Morte e Dorsal Galega-, mesmo dentro da exigua superficie pertencente á Rede Natura, xa foron cubertas e mesmo sacrificadas cultural e ambientalmente e ademais cos máis de 180 parques eólicos existentes e ao redor de 4.000 MW instalados na actualidade, superamos tamén o ratio de potencia eólica instalada por kilómetro cadrado que recomenda Europa dentro dos seus territorios ata o ano 2030.
Na realidade estamos diante da segunda vaga ou invasión eólica, trala primeira sufrida entre finais dos anos noventa do século pasado e finais da primeira década deste. A nivel enerxético sería, por outra banda, a terceira despois da acontecida coa implantación da enerxía hidroeléctrica entre mediados e finais do século pasado, tamén cun alto custo social e ambiental. Galiza é excedente en produción de electricidade desde hai anos, a maioría procedente de enerxías renovables, boa parte dela se exporta fóra da Comunidade Autónoma e parte dela, por engadido, se perde no seu transporte.
Polo tanto, se queremos ser verdadeiramente sustentables, na Galiza non cabe a proxección de máis parques eólicos e nin un só aeroxerador máis, nin en terra nin tampouco no mar.
Para a Plataforma na Galiza só cabe a proxección de enerxías renovables de xeito comunitario e individual a pequena escada nos nosos núcleos de poboación, o aforro e autosuficiencia enerxéticas e a reciclaxe e reaproveitamento de materia usada, dentro dun contexto global no que a única alternativa seria e fiable para o devir do planeta, da súa biodiversidade e de nós como especie é o decrecemento, en especial no chamado primeiro mundo ou Norte.
Panorámica da ría de Pontevedra desde o alto do Agudelo Ardán (Marín)