Pedro J. Peón Estévez
O misterio do Dr. Fu Manchú
Ese foi o título da primeira entrega dunha longa xeira literaria protagonizada polo terrorífico Dr. Fu Manchú, malote por excelencia, froito da pluma do inglés Sax Rohmer aló por 1913. Foi interpretado no cinema por ídolos da talha de Boris Karloff ou Christopher Lee con moi grande sona. Ningún medio (comic, novela, cine, televisión, xornais…) se resistiu a reproducir as aventuras do terrible chinés. Outros autores tomaron o relevo de Sax Rohmer para seguir producindo secuelas, tal era a predilección do público por tan sinistro personaxe.
Fu Manchú era un mandarín que odiaba ós occidentais e estaba disposto a utilizar todos os seus moitos medios para exterminalos. Era un home inmensamente rico e culto (tinha varias carreiras) e encarnaba o suposto "perigo amarelo" que a raza branca vía na enton incipiente inmigración oriental. Así, os chineses e demais xentes do Leste pasaron de seren víctimas colonizadas a malos da película. Queiras que non, non estaba isto exento de certa xenofobia. Este persoeiro (literario) tinha ó seu servizo un verdadeiro exército de sofisticados asasinos, creaba inxenios de morte e tortura e utilizaba, de cote, fieras e animais velenosos (aranhas, serpes, escorpións) para levar a cabo os seus horribles crimes. Pero contra todo malo hai un bo, ou aparentemente bo. Neste caso era a perelha formada por un tal Denis Nayland Smith e o seu axudante, o Dr. Petrie ("Nada que ver" con aqueloutra parelha de Sherlock Holmes e o Dr. Watson) Estes dous era os augafestas de Fu Manchú, igual que Bond era o augafestas de Spectra ou Van Helsing o de Drácula. E falando de Spectra; o paralelismo desta organización criminal con Fu Manchú é notable…eu diría que é un plaxio máis que evidente de parte do "temible operario do recontraespionaxe" do MI6, Ian Fleming, pai de 007. Casualmente, o tal Denis Nayland acaba trabalhando para Scotland Yard, a CIA e o MI6 do devandito Ian. Todos os malotes tenhen algo de Fu Manchú, mesmo o psicópata James Moriarty, motal inimigo de Sherlock.
E ben, Sax Rohmer creou un personaxe popular, imitado ata a saciedade; o clásico "malo" de ficción, bastante trastornado, que tenta apoderarse do mundo dun xeito un tanto irracional e teimudo sen outras motivacións. Ata aí ben, mentras sexan personaxes literarios e non sirvan de inspiración a sátrapas de carne e oso que masacran a boa parte da humanidade cada canto. Pero o verdadeiro misterio de Fu Manchú é moi outro, como veremos a seguir.
Eis o misterio: Que pinta a cara de Fu Manchú esculpida nunha casa do século XVI, a número 4 da Praza da Estrela, a carón da Ferraría de Pontevedra ? Nesa casa chamada Das Cabezas, a da esquerda é o vivo retrato do ruín mandarín por máis que se camufle tras duns lentes; coma así, esqueceu afeitar as longas guías do bigode ou quitar o gorro de nobre chinés e trocalo por unha txapela ou un sombreiro charro… Por certo, Sax Rohmer non o concebiu con semelhante bigode, esa imaxe é posterior. Máis misterio se cabe.
A popular Ferraxería Gallega está en obras. Iso foi o que me levou a erguer a vista e descubrir, no alto da fachada, dez caras esculpidas en pedra. Seis delas son femininas. Ninguén sabe a quen representan. Alguén que pasaba faloume da casa da Estrela con catro caras esculpidas na fachada, tamén de identidade desconhecida… ben, non todas; a da esquerda está clarísimo que é a de Fu Manchú. Como chegou ate aí é algo que me quita o sono.