Tribuna Viva
O oficio de vivir desamparadamente
No ciclo de cinema e saúde mental que comezouo 16 de febreiro no Teatro Principal, da man da Concellería de Benestar social, coa proxección da película Amorodos salvaxes, houbo un coloquio posterior bastante desconcertante.
A achega á película foi doada e permitiu bastantes reflexións, tamén de persoas especialistas na materia. Coa análise dunha escena onde sucede unha relación sexual agresiva, tivo lugar o debate sobre se era posible ou non unha violación. Ante isto, o señor psiquiatra Víctor Pedreira (premiado e nomeado Xefe do CHOP e posteriormente cesado) quixo asegurar que non o era neste momento, 1957, máis que hoxe en día seguro que sería delito, porque non se sabe moi ben que quere dicir iso do Só si é si. Espeluznante.
Agora ben, a achega ao tema da saúde ou enfermidade mental foi moi custosa e residual. Falou a psiquiatra, Julia Fraga, falei eu e falou un señor que definiu a enfermidade mental como propia de persoas que carecen de empatía, que non saben establecer vínculos relacionais nin resolver conflitos. Tamén mencionou que alí era o lugar da saúde mental, non da enfermidade. Semellante prexuízo neste momento pareceume un delirante insulto. Deste xeito, o pouco que puidemos contribuír a falar de saúde mental e escapar do puro cinefórum resultou tamén desalentador.
A miña reflexión é que alí había moito tabú e moito prexuízo. Incluso foi incómodo que eu falase, como persoa afectada por esta circunstancia, porque fun a nota discordante e iso fíxoos reprimir aínda máis, cando a miña intención era abrir camiño para darlle lugar ao tema que nos acaía. Pero non. As persoas alí asistentes preferiron seguir falando da película.
Conclúo, entón, que é moi difícil facer reflexionar a persoas sen compromiso social, que o ciclo non estableceu un obxectivo claro nin unha dinámica aberta e que seguimos perdendo oportunidades grandísimas de traballar cara unha sociedade inclusiva e respectuosa.
Patricia Sóñora Rey