Francisco Freire Vila
Elección responsable
Helicópteros de radiocontrol, radioteléfonos portátiles, intercomunicadores, consolas de videoxogos, interfonos, coches teledirixidos, teléfonos inalámbricos, teléfonos móbiles, tablets..., son inumerables os dispositivos inalámbricos que emiten radiacións electromagnéticas e que agardan nos establecementos de xogos e xoguetes para seren agasallados nestas festas navideñas. Os seus destinatarios: a poboación infantil e xuvenil.
Non esquezamos, os adultos, que eles son o grupo máis vulnerable pois a súa capacidade crítica está en desenvolvemento, descoñecen os inconvenientes e están máis suxeitos ás modas. Pero, tamén, o seu sistema nervioso e inmune estase a desenvolver e as células en división son máis susceptibles ás alteracións. Ademais, os seus ósos do cranio son máis delgados e máis vasculares o que permite unha maior penetración das ondas electromagnéticas no corpo.
Os efectos potenciais para a saúde dos campos magnéticos de baixa frecuencia ao redor das liñas e aparellos eléctricos seguen sendo hoxe en día obxecto de investigación e dun debate público de considerable magnitude. Mentres tanto, a comunidade científica recomenda respectar o "Principio de precaución". Quizais a nosa sociedade aprendeu a lección do amianto, da gasolina con plomo, o tabaco, etc.
De entrada, algunhas investigacións sinalan como efectos dos campos electromagnéticos: cefalea, irritabilidade, falta de apetito, depresións, fatiga crónica, dificultade de concentración, leucemias agudas e tumores do SNC na infancia, dermatite e alerxias inespecíficas, trastornos cardiopulmonais, hormonais (melatonina,...), inmunitarios, visuais ou auditivos...
Con todo, algúns afirman que as ondas de baixa frecuencia son totalmente inocuas, penso que, aínda así, non está de máis que analicemos os dispositivos inalámbricos aos que estamos expostos na rúa durante o día (antenas de telefonía, emisoras de radio, da Policía, da Garda Civil, etc.) e os que temos no fogar. ÿ nestes nos que temos a liberdade de elixir e aplicarmos o principio de precaución para salvagardar os nosos fillos e fillas.