Xerardo Torrado Agulla
O desprestixio do Romanticismo como mostra dunha sociedade mal formada en Humanidades
Se hai un termo que hoxe está en desprestixio é o de "Romántico". Se lemos as listas de libros máis vendidos, podemos ler que na mesma non consta Lessing ou Hölderlin. Xente que na vida leu a o Hyperion de Friedrich Hölderlin danos unha visión tópica, o mesmo tempo que tóxica do Romanticismo. Un "romántico" é un tipo que regala ramos de rosas e cea á luz de dúas velas mentres toca un violinista e sostén entre os seus dedos unha copa dun caldo excepcional. ¡En qué desprestixio caeu o Sturm und Drang alemán!. Fai uns anos, me atopara cuns carteis dunha campaña que pretendía desmontar o "amor romántico" como un xeito de relación tóxica, posesiva e machista. De seguro que a xente que diseñou esta campaña, non leu na súa vida unha obra dos auténticos románticos. Cando lin o Hyperion de Friedrich Hölderlin (1770 -1843) fai anos, foi para min unha labazada estética, obra fermosa entre as máis fermosas. Outro dos autores románticos, Gotthold Ephraim Lessing (1729-1781), adicou toda unha obra a estatua helenística do Laoconte cos seus fillos, Laocoonte ou sobre os límites da pintura e da poesía, preguntándose se o Laoconte berraba, considerando que un berro sería contrario á estética. Arthur Schopenhauer consideraba inútil esta discusión, pensando que sinxelamente o grito en sí sería irrepresentable pola escultura, caendo fóra do dominio da mesma, que pode, por outra parte, sí representarse na poesía, como fai Virxilio co propio Laoconte, ou na traxedia, fai Sófocles no seu Filoctetes. Da pena observar como reflexións da estética de tan fondo calado intelectual se reduciron a un par de velas, un ramo de frores e un viño caro. Hai un interesante libro do filósofo alemán Rüdiger Safranski, Romanticismo. Unha odisea do espíritu alemán. Ca leitura deste libro, moito máis san que un libro de autoaxuda top-ventas, chegaríamos a aprecia-la importancia do Sturm und Drang alemán, e por ende á conclusión de que o desprestixio do Romanticismo, desvirtuando todo o que supuxo no pensamento, na literatura e nas artes en xeral (pensen só na música de Beethoven), é o meirande exercicio de estulticia e ignorancia. Ese valor negativo do Romanticismo só é posible dende unha sociedade onde as Humanidades están depauperadas. Movementos como o Sturm und Drang está condeado a ser cada vez menos comprendidos por unha sociedade cada vez menos formada en Humanidades. Un compañeiro da facultade, profesor de historia en secundaria, se me laiaba de que no temario que tiña que impartir non aparecía o Humanismo, ese proceso intelectual que tanta importancia tivo na conformación de Europa. Me decía este compañeiro que o temario de historia era só de historia contemporánea, e que a mesma estaba totalmente cargada de ideoloxías e perspectivas actuáis xerando todo tipo de anacronismos e condeando á incomprensión a fenómenos históricos que non se adecuaran a esa perspectiva, por exemplo, cómo entender ás oito Cruzadas dende a perspectiva actual do multiculturalismo?. É de esperar que dende esa óptica, a de ideoloxías actuais, non se entenda o Humanismo, nen o Romanticismo, nen sen entenda nada que teña máis de vinte anos, e que se cometa o vulgarización que supón o presentismo histórico.
Oswald Spengler na súa obra A decadencia de Occidente, condeada por moitos á ignominia por ser obra de referencia entre os soldados da Wehrmacht durante a Segunda Guerra Mundial (qué culpa tería el?), chamaba a Friedrich Nietzsche, a Carl Jacob Christoph Burckhardt e a Johann Jakob Bachofen, compañeiros coma docentes da Universidade de Basilea, en Suiza, "románticos rezagados". Tres grandes figuras da historia do pensamento e da historiografía cuxo prestixio intelectual está fóra de toda dúbida; a quen teña tempo, lle recomendó a leitura, amplísima, da Historia da cultura grega de Burckhardt, obra póstuma do autor que tras dúbidas por parte do gremio de historiadores se converteu nunha obra clásica, desas que nunca caducan. Creo que hai obras que nunca caducan e permanecen impertérritas ante as modas, tendencias e esnobismos, e creo que a obra de Burckhardt é unha desas. Non creo que estas tres lumbreiras foran uns hipersensibleiros que se adicaran a cear á luz de dúas velas mentres agasallaban frores e bebían da súa copa saboreando un viño caro. Non sei se Nietzsche, na súa declaración de amo a Lou Andreas-Salomé, se comportou como o que hoxe chaman “romántico”.
Se esta tríada de sabios era, nos estertores do século XIX, uns “románticos rezagados”, eu, nos inicios do século XXI, qué serei?, un rezagado dos rezagados?. Creo que unha sociedade que renega do estudio das Humanidades é unha sociedade declaradamente enferma. Considerar ó Romanticismo como unha tendencia patolóxica tóxica e machista só pode ser producto da absoluta ignorancia do que supuxo o Sturm und Drang en Alemaña e en Europa. Dame pena ese desprestixio dun dos grandes episodios do pensamento europeu, se vemos unha campaña onde se pretende “desmontar” o “mito do amor romántico” idenficándoo cunha conducta tóxica e non aprezamos nada raro aí, é que estamos ante unha sociedade moi mal formada en Humanidades. Gustaríame ler a lista de top-ventas da semana e ver que alí está Hölderlin, sei que nunca pasará. O mercado editorial sempre busca novidades, é unha obriga seguir reeditando ós clásicos, pero nunca se converten en top-ventas. Non nos privemos desas boas leituras que cimentaron o espectro cultural europeu e que deberían estar aí por riba de modas e esnobismos.