Tribuna Viva
Servizo de traumatoloxía ou as trincheiras do SERGAS
Se vostede ten que ingresar na terceira planta do Hospital de Montecelo teña en conta que serán vulnerados os seus dereitos como doente e como persoa, e prepárase a que vostede e a súa familia sexan maltratados psicoloxicamente. Despois dunha estancia de 18 días na que miña nai enferma de cancro, entrou por urxencias cunha cadeira rota, pasamos por varias situacións que non desexaría a ninguén xa que neste servizo predomina a falta total de coordinación debida á ausencia de comunicación entre os especialistas que o compoñen. Se un día o médico que pasou visita pensou que algo era negro, ó día seguinte o traumatólogo de garda considera que é amarelo, e ó terceiro día a cabeza de outro facultativo considera que é vermello e que hai que facer unha interconsulta con outro servizo e así sucesivamente. No único no que se poñen de acordo é en dar altas o máis rápido posible sen importar se o paciente precisa unha asistencia que na súa casa non lle poden dar.