José Freire
Tamén a seguridade
A nova Lei de Seguridade Privada saíu adiante fai uns días no Congreso dos Deputados, onde se introduciron algunhas novas, como a posibilidade de que os vixiantes privados poidan identificar e deter a persoas na vía pública. O texto pasa agora ao Senado para a súa aprobación. Son máis de setenta emendas, que conta co apoio de PP, PNV e CiU e o rexeite de PSOE e Esquerda Plural. Os que se opoñen á norma consideran que supón unha preocupante "ruptura" da concepción de seguridade pública que lle corresponde ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Eu son dos que penso que a seguridade pública só pode ser competencia das forzas de seguridade do Estado, autonómicas o locais, por diversas razóns. Pero só citarei dúas moi elementais: porque así o di a propia Constitución Española no seu artigo 104 e 149.1.29ª, e a Lei Orgánica 2/86 de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado no artigo 1.1; e porque os policías actúan como axentes da Autoridade coa lexitimidade que lles concede que os responsables políticos que dirixen as súas actuacións foron elixidos, e poden ser relevados pola cidadanía, mediante o exercicio democrático do voto, e polo tanto actúan por delegación desa expresión da vontade popular. Pola contra, os vixiantes de seguridade obedecen ordes de empresarios privados cuxo interese non é protexela seguridade senón os seus bens, motivo polo cal non deberían nin tan sequera formular a súa lexitimidade para actuar sobre calquera cidadá nun estado de dereito.
A lei de seguridade privada permitiralle a empresarios controlar a seguridade de polígonos industriais e de vías públicas moi transitadas en zonas comerciais das cidades onde teñen os seus negocios. Polo tanto, o dereito destes empresarios a exercer unha seguridade preventiva se impón ao da cidadanía a pasear por un espazo sen ser molestada, salvo por alguén que actúe en nome do Estado, que non é o caso dun vixiante de seguridade que o fai en nome da súa empresa, antepoñendo os intereses comerciais desta a dereitos fundamentais da persoa.
O artigo 14.3 é un dos máis perigosos que contén a lei de seguridade privada, xa que permitirá que pasen todo tipo de datos operativos e de datos persoais da Policía á empresa privada. ÿ unha entrega dos datos privados da cidadanía a calquera empresa porque non hai mecanismos de control nin xustificación.
Milleiros de datos circularán libremente só cun escrito do xefe da empresa en cuestión e outro do mando correspondente. Este artigo, e o das identificacións na vía pública, deberían desaparecer do borrador.
En canto ao asunto da detención coido que podería manterse porque xa é posible facelo ante un delito flagrante, o mesmo que calquera cidadán. Tampouco me parece mal que poidan actuar estes vixiantes na seguridade das prisións (xa o está na facer nalgunha), porque a súa actuación ou inxerencia nos dereitos da cidadanía neste caso non se produce, salvo con persoas xa privadas de liberdade que intenten fuxir.
A lei suporá privatizar a seguridade pública, xerar descoordinación e converter os vixilantes de seguridade a "policías" baratos en soldo e formación. Pasarán de colaborar coa Policía a "facer de axentes", e máis ben serán os efectivos policiais os que se converterían en "colaboradores" dos vixilantes privados, posto que, cada vez que os vixilantes privados leven a cabo calquera trámite, necesitarán aos policías.
Máis o terrible de todo isto é que, namentres a seguridade privada vaia crecendo, os efectivos dedicados á seguridade pública, que pagamos tódolos cidadás cos nosos impostos, vai esmorecendo. En vez de investir e convocar novas prazas (pérdense cada ano ao redor de 3.500 policías e gardas civís), sacan esta lei que, aparte de potenciar ás empresas privadas, supón aforro ao Ministerio.
Calquera día pasaralle a vostede o mesmo que a Manolo. Dille a muller: Pero Manolo, como chegas tarde, pasouche algo? Cala muller, que cando viña paráronme e me identificaron. A Policía? Non, Prosegur.