Elena Varela
Muller, non me gusta cando calas porque estás como ausente
Xa é oficial. O Partido Popular aprobou este venres a reforma da Lei do Aborto na que deixa á muller sen voz nin voto para decidir sobre o seu propio corpo.
Esta reforma supón un retroceso de máis de trinta anos nos dereitos das mulleres e non deixa de ser obra dun sistema machista e patriarcal que nos quere escravas e sumisas. Coa nova lei, o aborto deixa de ser un dereito e só se poderá levar a cabo en dúas ocasións: un risco para a muller ou unha violación. Ademáis, antes de abortar, a muller terá que contar coa aprobación de numerosos profesionais da saúde, conseguindo así que sexa un proceso máis duro do que xa é e causando que moitas mulleres acaben en clínicas clandestinas. Ou privadas, que é o que lles interesa. Lembran aquilo de "as ricas abortan e as pobres soportan"? Ou aqueles tempos nos que as mulleres máis ricas e conservadoras marchaban fóra de España a interromper o seu embarazo e logo voltaban, ían os domingos á misa e criminalizaban o movemento feminista?
Arrebatáronnos algo que se conseguira coa Revolución Francesa: a diferenza entre pecado e delito. Nós seguiamos loitando polos dereitos sexuais e reprodutivos da muller mentres a Igrexa predicaba que eramos unhas herexes que estaban en contra da vida. Ata agora, que o pecado pasou a ser o mesmo que o delito. Pero iso si, Rajoy insistía en que esta reforma estaba no seu programa electoral e que polo tanto tiñan que cumprilo. A boas horas se lembra do programa electoral. Despois de incumprir ata o último punto, é xustamente agora cando lle vén o compromiso, a honestidade e a lealdade. E intentan facernos crer que somos nós as que non defendemos a vida, cando a cifra de suicidios por desafiuzamentos é intolerable e noxenta nun país democrático.
Pero, realmente, cales son as consecuencias desta nova lei?
En primeiro lugar, o retroceso nos dereitos das mulleres. Loitouse tanto pola despenalización do aborto, por que fora libre, seguro e gratuíto que isto é un ataque directo a cada unha de nós.
En segundo lugar, a convicción de que a muller non é capaz de tomar as súas propias decisións. Que non ten vontade para decidir que facer co seu corpo e coa súa vida, e que polo tanto, tenlle que pedir permiso a distintas persoas que nada saben da súa situación real.
En terceiro lugar, o aumento no número de mortes por intervencións clandestinas nas que as mulleres con menos recursos porán a súa vida en perigo para evitar un embarazo non desexado. Pola contra, as mulleres con maior poder adquisitivo accederán como ata o de agora ó aborto mediante as clínicas privadas.
As mulleres somos seres libres, con autonomía e independencia, capaces de tomar decisións pola nosa conta, de pensar que é o mellor para nós e de levalo a cabo. Temos que ter plena liberdade sobre o noso corpo e sobre a nosa vida.
Non máis ataques ás mulleres. Non podemos dar nin un paso atrás, porque se o damos, non haberá posibilidade de gañar esta batalla, e perdela non é unha opción.
Déixovos cunha frase que describe á perfección o que hai que facer para rematar dunha vez por todas cunha sociedade e cun sistema machista e patriarcal, que pensa que parir é o destino da muller.
"Educación sexual para non abortar; aborto libre para decidir."