Un, que ainda ten a teima de gardar todo, de conservar ate o último dos papeis, ten, tamén a veces, ademáis dos reproches que de cando en vez atura de quen conmigo convive -"Cando vas a tirar con todo isto"- a grata satisfación de reencontrarse coas testemuñas documentais dun pasado que, a xeito de lembranzas, persiste no presente.
Tal é o caso da documentación da Asociación Socio-Cultural Xuntanza de Poio que, agochada entre carpetas, volto a resgatar dun esquecemento de várias décadas, que se din pronto, pero que é tempo máis que suficiente para ponderar ánimos, ademáis de pratear o cabelo da sen, como dí o tango aquel.
Foi en abril de 1983, recén licenciado da mariña, nunha visita de Andrés Dacosta convídame éste a unha xuntanza na casa de Rafael Vallejo en Combarro. Alí, no faidado onde "Chupi" tiña o seu espazo vital, acordamos por en marcha un proxecto socio-cultural de ámbeto municipal no que, axiña, nos vimos ilusionados todos os que, dalgúnha ou outra maneira, estabamos implicados no traballo social reivindicativo de base. Dese xeito acabamos coincidindo mozas e mozas procedentes de todas as parroquias de Poio. Non quixera esquecer a ninguén, por eso pido disculpas por adiantado, pero lémbrome, ademáis dos xa mencionados, de Xulio Barreiro, Cao, Conchi Rivas, Rosa e un grupo moi dinámico de mozas de Lourido, Xohán Xosé Rodríguez, Xoán Castiñeiras, Anxo Piñeiro, Emiliano Quintillán, etc.
Eran tempos oscuros aqueles. A intentono golpista do 23F estaba recente e, pese a que a victoria electoral do PSOE a nível de Estado tardaría ainda anos en decepcionar ao electorado de esquerdas, en Galiza, e en Poio máis concretamente, o ambiente político e social era máis ben desolador. O nacionalismo daquela representado polo BN-PG, que catro anos antes obtivera un óptimo resultado, -tres concelleiros en 1979- ficaba daquela reducido á minima espresión institucional con un só e inoperante representante e, sen apenas, estructura militante.
Pola contra a dereita máis reaccionaria e nada ilustrada, recén acadara da man de Emilio Rey Fonseca un sorpaso electoral no que practicamente enguliu todo o espacio conservador, agás unha daquela testemuñal AP que, guiada por José Manuel Castro Martínez, "Lapexo", seguiría colaborando con quen ostentaba a alcaldía nunha connivencia máis que formal dende a Delegación de Urbanismo. O PSOE, con tres representantes, estaba dirixido daquela por Mª Carmen Valderrama, "Margariña", quen non tardaría, tamén, en decepcionarnos a todos ao renderse á erótica dopoder a cámbio da concellalía (así se decía daquela) de Cultura. Neste pouco alentador panorama ficaba só "Nito" á esquerda cunha, como xa dixen, posición inoperante e testemuñal, se trascendencia social ninguna.
Sen embargo, nese intre político especialmente sórdido, un grupo de mozas e mozas do noso Concello, conscentes de que a a tarefa municipal institucional supuña unha autolimitación que habia que superar no eido da sociedade, fumos capaces de xerar ilusión na base, de inducír sinérxias con outras asociacións, colectivos e, mesmamente, de recabar colaboracións e complicidades insospeitadas daquela. Ese foi o caso da Comunidade Mercedaria, que nos cedía as instalacións do Mosteiro para as nosas actividades; ou da Asociación Cultural A Reiboa, cuxo local da Seara compartía xenerosamente con nós.
Ademáis das habituais actividades sociais e culturais, a Asociación Socio-Cultural "Xuntanza", realizou importantes campañas de axitación e concenciación. Destaco especialmente pola súa importancia, a desenrolada en contra da pretensión da alcaldía de someter a referendum o topónimo do Concello, contradicindo o disposto na Lei de Normalización Lingüistica que impuña a súa forma galeguizada, Poio. Hoxe a denominación no noso idioma está normalizada e asumida socialmente dende fai bastantes anos pero daquela, por absurdo que pareza, foi todo un conflicto, suscitando moito debate político, tamén mediatico, e non falto de confrontación social. Foi preciso mobilizarse activamente e recorrer as institucións políticas e culturais do País en busca de apoio. Deplorable foi a postura da Concelleira de cultura, daquela en mas do PSOE, neste asunto. "Margariña" non fixo absolutamente nada que poidera por en risco a súa idílica relación política con Rey Fonseca, tendo que asumír a posteriori todo seu grupo o consecuente desgaste da súa pasividade na cuestión.
Cecais poucos se lembren xa da existencia de Xuntanza, cuxa duración foi efémera de máis, pero seguramente a historia de Poio non sería a mesma de ésta non ter existido. Proba delo é o feito de que, dende aquela, boa parte dos seus antigos integrantes chegaron a responsabilidades no goberno municipal ou nutriron as candidaturas municipais nacionalistas, amén de seguír activos nos diversos ámbetos do asociacionismo local. Nese senso, é evidente a contribución da xeración de Xuntanza á hora de establecer o ponto de inflexión na traxectoria descendente descrita até entón polo nacionalismo e a esquerda de Poio, en xeral, até situalos na Alcaldía fai vinteoito anos. O que aconteza o próximo 28 de maio, xa será motivo para outro análise e, seguramente, para una crítica máis severa.
Utilizamos cookies para mellorar os nosos servizos. Máis información e desactivación na política de cookies.