Pedro J. Peón Estévez
O moi extranho caso do panterlo da rúa Pondal
O senhor Gumersindo xa ten uns anos, cantos ?, mmm…moitos. Come coma un paxarinho, anda coma unha minhoca e descansa cada trinta pasos, malia que, a cabecinha lhe funcione coma un reloxo suízo. Tanto é así que, mesmo sen ninguén lho encargar, pois os seus tempos de detective privado xa pasaran á historia, acordou investigar o caso do misterioso panterlo da rúa Eduardo Pondal, rúa onde mercou andar hai moito un andar que comparten Ermitas e máis el cunha filha, xenro e netos, o tempo que lhes quede neste bairro antes de faceren "o tránsito".
Pero…que é o panterlo da rúa Pondal ? Ninguén o sabe moi ben. É un conxunto de trastes que aló polo Nadal apareceu aí, á altura do número 22, chantados na beirarrúa á beira da rotunda onde conflúen Uxío Novoneira, Virxe do Caminho e Gorgullón con Pondal. Trátase de, cando menos, vinte e tantos valados plásticos e unhas oito carrilheiras con varandas ou pontelhas ou corripas ou pasarelas metálicas pintadas de amarelo coma o famoso submarino ou o non menos famoso tractor aquel. Son tan amarelas coma os Simpsons. Toda esta parafernalia que leva case medio ano cortando a beirarrúa, apareceu aí ninguén sabe como. Foi como a primavera que "ha venido y nadie sabe como ha sido". O barbeiro di apareceu aí por xeración expontánea, que el sabera o que é iso. Nun principio, Gumersindo pensou que irían facer algunha obra naquel punto pero por alí nunca vai ninguén. Preguntou ós vecinhos, ós da companhía da auga e o gas, ós gardas e non lhe deron razón algunha. Presentouse no Concelho, na Deputación, na subdelegación do Governo, en Sanidade, na Xunta, no Akelarre…e en tódolos sitios atopou a máis completa ignorancia. Os valados tenhen uns letreiros que ponhen Viaqua e Corredoira pensou se non será unha forma culta de dicir "Vía - Crucis", que é o que máis parece o calvario aquel coa xente a pasar polas pasarelas amarelas en fila india coma se fosen ovelhas con carreiro de ida e volta. Só lhes falta cadansúa vela na man. Tamén lhes preguntou, de paso que ía mercar uns amorodos, alí ás Catuxas pero nada sabían do conto. Entón lembrou un libro de cando a filha estaba no instituto e que lhe gustara moito: "Das cousa de Ramón Lamote" de Paco Martín.
Nun dos capítulos dise que aparecera unha manhá un enorme tubo de formigón pousado nunha beirarrúa do bairro de Ramón. Ninguén sabía quen, como nin para que o deixaran alí. Nun principio, os vecinhos estaban un tanto receosos pero axinha tomaron confianza e mesmo se atreveron a pasar por dentro do misterioso tubo. Como asentaban mal os pés no redondo, alguén lhe meteu terra no fondo facendo un cómodo carreiro. Logo pintárono, puxeron plantas de flores, sinais e carteis, en resumo; adoptaron e humanizaron o tubo pero,cando máis contentes estaban con el, desapareceu tal como vinhera. Corredoira pensou en falar coa xente da Asociación e inaugurar o Panterlo con gaiteiros, pincho e discurso da senhora concelheira do bairro e todo. Ó final sería inaugurado por don Miguel Anxo…, Pensar pensou, pero non o fixo.
Unha noite foi ata a Zona a tomar un descafeinado e falar un chisco cos amigos na sua baiúca de sempre. Aínda que non lhe gorentaba moito andar, tinha que facelo por "prescripción facultativa" e tamén por conselho do médico. Como queira que xogaba o Barça, a cousa demorouse bastante. Cando rematou o partido, botou a andar cara a casa pero como ía amodinho, aínda tardou en chegar ó cruceiro da Virxe do Caminho. Sentou nun daqueles bancos tan modernos a descansar. Era venres e a noite era morna e clara e a xente non se daba présa por volver para a casa. Desde onde estaba, albiscaba o panterlo cheo de xente e imaxinaba cousas.
Comezou a oir un lene zunido que vinha de lonxe. Sacou os lentes do peto, limpounos de vagar e púxoos. Entroulhe unha migalha de sono. Pareceulhe que o zunido estaba máis preto e ergueu a vista…Na vertical do Panterlo había unha enorme nave circular de cor…adevínheno…amarela. Pensou que a camuflaxe era a razón daquela festiva cor. Podería aterrar nunha montanha e confundirse co alecrín. Cando estaba con estas absurdas cavilacións, as pasarelas metálicas foron atraídas magnéticamente ó interior da nave cheas de xente que berraba de terror. Nada de raio transportador nin radiestesia nin farrapo de gaitas. As carrilheiras amarelas foron elevadas cun potente electroimán que para iso eran de ferro. Debía de tratarse dun modelo antigo de Ovni. Despois, as pasarelas descenderon suavemente, totalmente baleiras e quedaron tal e como estaban.
O tempo arrefriara un chisco. Corredoira calou a boina e ergueu as lapelas do chaquetón, frotou as mans e levantouse do banco amodinho. O espinhazo deulhe un estalo e botou a andar. Chegou ó Panterlo e non pasou polo medio senón que o rodeou pola calzada. Sabía que todo fora un sonho pero…non fora a selo demo !
Entrou no andar e foise ó cuarto. Ermitas díxolhe:
-A boas horas vés chacho. Coidas que tés trinta anos ?
- Non…é que me perdín un pouco…-mintiu.
- Tomaches a pastilha da memoria ?
- Non me acordou.
- Pois tómaa agora mesmo. Un día vaste perder de todo.
- Boh !
Pedrojoaquim Peom