Xerardo Torrado Agulla
Os edificios comúns dos coengos composteláns na plena Idade Media
Tras unhas semanas escribindo arredor do cabido compostelán, a súa composición e vida en común, antes e despois das reformas levadas a cabo por Diego Xelmírez na primeira metade do século XII, hoxe retomo esta interesante temática para tratar, brevemente, da canónica e outros edificios comúns do cabido, tales comos os dormitorios, o refectorium, a cociña ou o forno común que mantiñan en Santiago como se deixa ver na documentación medieval, na crónica da Historia Compostelá, ou no propia nome das rúas da Compostela medieval.
A canónica erguíase ó suleste da igrexa catedral. A Historia Compostelá (I, 20) eloxiaba o comedor ou refectorium erguido por Xelmírez, ó cal calificaba de mirabile e congruum. Refectorium e dormitorio dos coengos non compartían o mesmo edificio, como se desprende do texto da propia Historia Compostelá referente á revolta de 1116-1117: Xelmírez descansaría no dormitorio e "abrindo a porta do dormitorio, saiu á Quintana do Pazo que está ante o refectorium". O parecer o dormitorio estaría preto do altar de San Pedro, na cabeceira da catedral, e o refectorium algo máis o sur, onde se atoparía posiblemente a cociña e o forno común, que daría nome á Rúa do Furno Canonice ou do Forno da Coenga que aparece na documentación medieval compostelá.
Pero nesta morada común do cabido só residían os membros máis pobres do mesmo, xa que, e seguindo ca fuxida de Xelmírez durante as mencionadas revoltas, entraría Xelmírez na casa do coengo Pedro Gundesíndez, quen tiña coma convidados para cear a uns coengos que convidara o cardeal. Deixando claro que o tal Pedro Gundesíndez tiña vivenda propia en Compostela.
A vida en común do cabido nas sedes hispanas, estaba xa en franca decadencia e no século XIII apenas se practicaba. Xelmírez para palialo outorga no 1134 doce marcos a tódolos coengos para a cociña cotiá. Pero os esforzos de Xelmírez de nada serviron para paliar os problemas económicos dos membros do cabido máis pobres, xa que entre eles había grandes diferencias económicas e había quen vivía cómodamente e quen o facía con maiores preocupacións económicas. Por outra banda, en tempos de Xelmírez votábase de menos un claustro propio e outras deficiencias que serían paliadas con vindeiros arcebispos.
Aínda que Historia Compostelá nada nos aporta arredor da regra seguida polo cabido compostelán na súa vida en comidade, o Codex Calixtinus apórtanos o dato de que se rexían pola regra de san Isidoro, cousa, como xa indiquei en anteriores traballos, incomprensible polo carácter reformista de Xelmírez, que seguiría a priori os dictados do Concilio de 1100 de Palencia, onde o cardeal legado Ricardo pretendera establecer os principios romanos na vida dos coengos.
As dependencias comúns do cabido compostelán, ou canónica, aparecen escasamente na documentación, o que proba o pouco relevo que tiveron, e as ansias reformadoras de Xelmírez a prol da dignificación do cabido en materia económica, cultural e pastoral, seguindo as intrucións no seo Igrexa do momento, pouco éxito tiveron.
No 1256 a canónica entrégase ó colindante mosteiro de San Paio de Antealtares a cambio da igrexa, claustro e dormitorio do mosteiro, con miras á construción dunha catedral gótica en Compostela, proxecto do arcebispo Don Xoan Arias (1238-1266) que non fraguou e que nunca chegou a construirse, permitindo que aínda que con anexos posteriores que acabaron ca importancia da iluminación da catedral románica ó cegarse gran parte das xanelas, hoxe teñamos a construción románica máis importante de tódala península como sede catedral.