Tribuna Viva
Por un 1º de maio antiimperialista
1º de Maio, Dia da Clase Obreira Mundial, é a data na que os traballadores e traballadoras de todas as nazóns teñen que presentar unha fronte unida contra o capitalismo imperialista, fronte as divisións que os estados introducen para manter a súa situación de dominación.
Hoxe a clase obreira e os pobos do mundo enfrontan a ameaza dunha nova guerra polo dominio do mercado mundial, na que o Estado Español ten unha política moi activa. Non foi por casualide que o xiro estratéxico da OTAN, coa doutrina dos "360" acordárase na súa Cimeira de xuño do ano pasado en Madrid.
Esta doutrina significa unha declaración de guerra a todo o mundo, pois con ela a OTAN pode intervir en calquera parte do planeta sen precisar o aval do Consello de Seguridade da ONU, baleirandoa definitivamente de todo contido real.
Mais devandita declaración ten a súa contraparte nas políticas antiobreiras e antipopulares dentro dos estados e a propia UE; o aumento dos gastos militares, que na Unión Europea foron, antes da invasión da Ucraína, 214 mil millóns de euros, un 6% mais que o ano anterior e 345.000 millones de dólares no 2022.
Tras a reunión de Madrid, os membros da Alianza comprometeronse a incrementar aínda mais os investimentos en armamentos, ate chegar a un mínimo do 2% do PIB de cada estado. Alemaña, por exemplo, xa aprobou superar os 100 mil millóns de euros.
E se hai un gasto non só improdutivo, senón destrutivo, é o do armamento; o uso das armas (tanques, avións, buques, ...) non incrementan a riqueza das sociedades, aínda que xere beneficios ás empresas, mais tamén a destrúe. Ter mais diñeiro para armas só ten un sentido, prepararse para a guerra. Como dicía a máxima no imperio romano, "si vis pacen, para bellum" (se queres a paz, prepara a guerra).
Todo este diñeiro que vai para a industria do armamento non cae do ceo, nin xurde como cogomelos, senón que ten que saír dalgún lado. É obvio que as empresas e bancos, que hoxe teñen superbeneficios, non van ser os que paguen os custes do armamento; van saír das costas dos de sempre, da clase traballadora e dos sectores oprimidos da sociedade que perden calidade de vida, condicións de traballo e servizos públicos.
O aumento dos investimentos orzamentarios para a industria da guerra vai profundar o desmantelamento dos servizos públicos non rendibles, e a privatización dos que den beneficios. Mentres que este aumento sumase as demais causas da inflación que está empobrecendo aos traballadores e traballadoras, que ven como os seus salarios perden poder de compra.
Os traballadores e traballadoras franceses marcan o camiño para enfrontar as consecuencias da política belicista da OTAN e os estados membros, a mobilización na rúa, unitaria e sostida no tempo.
Desde o Encontro Galego Contra a OTAN consideramos que este 1º de maio é preciso berrar alto e claro: OTAN NON, BASES FÓRA!, se queremos evitar a ameaza de guerra mundial e defender as condicións de vida e traballo da poboación.