Tribuna Viva
'Carta ao apalpador dos nenos e nenas con diabete en Galicia'
Querido apalpador:
Somos os nenos e nenas con diabete de Galicia, cando o día 31 veñas apalpar as nosas barriguiñas seguro que te pos moi contento, xa que notarás que comemos moita froita e verdura e non abusamos dos doces nin das graxas. Este ano portámonos moi ben, algúns xa nos picamos a insulina sós (ó principio daba algo de medo, pero ímolo facendo), facemos os controis de glicemia que nos mandan os nosos pediatras e movémonos moito.
Sabemos que temos unha doenza, pero non nos sentimos doentes, podemos facelo todo, só necesitamos un pouco de axuda e comprensión, gustaríanos que nos receitasen as plumas recargables de media unidade e que as agullas coas que nos picamos fosen delgadas e curtas, que non nos deixen moratóns (as que temos agora, mancan un pouco, e como en Galicia están preparando o concurso de adxudicación, esperamos que escoiten os nosos desexos).
Queremos aproveitar esta carta, para pedirche que non te esquezas de deixar un agasallo ós nosos pediatras xa que eles axúdannos a non sentirnos doentes, a entender o que nos pasa e a saber o que temos que facer.
Tamén queremos que te lembres dos nosos mestres e mestras que nos coidan cando estamos na escola mentres os nosos pais teñen que ir traballar, dilles que non se asusten, que podemos facer o mesmo que os nosos compañeiros e compañeiras: correr no patio, ir de excursión, xogar ao fútbol, cantar, estudar... podemos facer de todo.
Queremos que toda a xente entenda que non temos diabete porque comamos moitas larpeiradas, que cando pedimos un refresco sen azucre e sen cafeína é porque é o mellor para nós, que necesitamos que nos pesen a comida, e a verdade non é tan complicado xa que mamá e papá fano moitas veces todos os días.
Apalpador moitas grazas por escoitarnos e grazas polos agasallos que nos deixes, non esquezas que as castañas teñen moitos hidratos de carbono e que con tres é suficiente.
Apertas e bicos dos nenos e nenas con diabete de Galicia.
ANEDIA, asociación de nenos e nenas con diabete de Galicia