Tribuna Viva
Impídenme acceder á sesión de fisioterapia do meu bebé lactante enfermo no Hospital Provincial
O pasado venres 5 de maio meu fillo R. acudiu a fisioterapia - atención temprana no Hospital Provincial.
Unha vez alí indicáronnos que non era posible acompañar o bebé lactante durante a sesión de fisioterapia, alegando que ese era o protocolo habitual cando na anterior sesión si me permitiran asistir.
Estou totalmente en desacordo con ese protocolo por varios motivos:
1. O bebé toma peito a demanda, precisa ser alimentado e ó separalo da nai non é posible.
2. Expoñer a un bebé tan pequeno a unha situación tan estresante sen unha figura de apego seguro que é claramente prexudicial.
3. Un bebé non pode comunicar de ningunha maneira si se producen situacións inapropiadas mentres se realiza unha sesión de fisioterapia, xa se deu nalgunha ocasión noutros lugares de España.
4. A xustificación por parte da fisioterapeuta era que non deixan entrar acompañantes para seguir o "protocolo", segundo parece os pais e nais molestamos. Nas sesións, segundo unha das fisioterapeutas, se deixasen entrar ós pais e nais iso convertiríase nunha feira. Ese protocolo non ten ningún sentido xa que está demostrado (según o propio SERGAS) que é beneficioso para os pequenos que os acompañen os pais. Por outra parte, en Vigo non se sigue este suposto "protocolo", chamei para asegurarme e quedaron asombrados polo proceder na zona de Pontevedra.
5. Xustifícano tamén dicindo que é pola intimidade de outra menor que comparte espazo no momento en que o meu fillo está recibindo a sesión. Isto podería solucionarse poñendo un biombo, xa que as zonas están perfectamente delimitadas. Se o SERGAS considera que un biombo non garante a intimidade dos pacientes, igual debería deseñar de novo a sala de Urxencias do Hospital, que está separada por cortinas!
Por outra parte, solicitei que expuxeran por escrito os motivos polos que non me deixan acompañar ó meu fillo ás sesións e dixéronme que hoxe luns 8 o coordinador poríase en contacto conmigo para facelo. Chamoume este martes 9 para confirmarme que non ían deixarme pasar empregando as mesmas argumentacións e negándose a expoñelas nun escrito.
Como non me deixaron entrar co meu fillo tiven que esperar na sala de espera do Hospital o tempo que debería ter estado recibindo tratamento, algo que é totalmente vergonzoso. Estanse vulnerando os dereitos dun menor e iso é algo gravísimo, incluso ilegal.
Chegarei onde faga falla para que este suposto protocolo cambie polo meu fillo e tódolos bebés que poidan recibir tratamento nese Hospital, non vou parar NUNCA.
Tamara Campos