Ramiro Espiño
Carta aos Reis Magos (este ano con tempo)
Queridos Reis Magos: Hai un ano escribinvos unha carta. Certo que o fixen un pouco tarde, era o 7 de xaneiro. Xa pasara o voso día e pode que por iso non vos chegase, ou pensásedes que as miñas peticións ben podían esperar un aniño máis. Vou concedervos o beneficio da dúbida, porque a verdade é que non me fixestes nin puñetero caso.
Claro que tamén é posible que como fun malo, a vosa decisión fose a de deixarse carbóns. Pode ser, non sei. Pero permitídeme que vos diga que se vos foi a man. Outras veces tampouco fun bo e non obstante a vosa resposta foi máis suave. Porque o de carbóns, vale, pero se na palabra bailades unha sóla letra, creo que vos pasastes no castigo.
Dicíavos entón, e repítoo agora porque ata o correo real ten extravíos (xa vedes o que lle pasa ao voso colega español), que na cidade na que vivo, e á que amo, o deporte é paixón, con dúas debilidades que acaparan penas (moitas) e alegrías (máis ben poucas). Teñen unha longa historia por detrás, pero un negro e incerto porvir. As dúas seguen atravesando os momentos máis baixos e tristes da súa vida e as súas afeccións rozan o desencanto, que non o desalento.
Referíame, claro está, a Pontevedra e Teucro. Eses dous clubs que nos emocionan e nos fan sufrir. Co Teucro algo fixestes, pero pouco. Polo menos teñen control e cabeza para dirixilos, aínda que seguen necesitando un milagre (ou varios) para saír adiante. Pero co Pontevedra non queredes ou non podedes.
E non me estraña, a verdade. Porque tamén vos pedía que vos levásedes unha temporadita convosco, aos vosos afastados apousentos orientais, aos responsables da situación actual. E iso é demasiado pedir, agora enténdoo, é case como droga dura ou unha especie de masoquismo incompatible coa vosa liñaxe.
Así que os deixastes aquí. Algún un pouco alonxadiño, pero axexando na sombra. Outros estando pero sen estar, non vaia ser, mentres se dedican a cultivar novas amizades, sementando outros campos de acción nos que intentar mangonear.
E mentres, rematamos un novo ano e non estamos nestas, senón peor. Por iso pídovos, agora con tempo para que vos chegue esta carta antes de que vos deades un paseíño por esta bonita cidade, que este ano si, que deades forza aos do Teucro para seguir buscando saída ao atranco no que o puxeron determinados "salvapatrias", e que non permitades que o Pontevedra siga a expensas dos caprichos e veleidades dos que sacan peito sen máis "proeza" que telo levado ás máis baixas cotas de miseria social, institucional e deportiva de toda a súa historia.