
Pedro J. Peón Estévez
Foi un peixiño do mar...
...QUEN te aprendeu a nadar, malia sobrevivir entre as nosas deposicións, fármacos, productos químicos, lodos, plásticos, petróleos, chapapotes, metais pesados, residuos radiactivos, pesca intensiva...Un velho marinheiro amigo meu, ante o meu comentario sobre se non se estaría esgotando a pesca, dicía: "Non hó ! O mar é moi ghrande...ti non tés idea do ghrande que é. Iso non ten fin !" Xa hai moito que o mar deixou de ser grande, en boa parte pola nosa culpa.
O mar soamemte, por máis grande que sexa, soamente dispón de dous lugares de alimentación e cría: o litoral e os fondos. O fondo, co lixo sedimentado maila pesca intensiva de arrastre, está esquilmado. Pero o fondo está moi fondo e non o vemos e "olhos que non ven...". O que si vemos é a ribeira con milhóns de tubos de fecais, con sentinazos e mareas negras, residuos sólidos, radiactivos e recheos criminais. Pero hai máis.
Na praia de Loira vin, este pasado verán, unha estampa arrepiante que, por cotiá, pasaba desapercibida. Uns cativos, provistos duns curiosos ganapáns, capturaban ducias de alevíns que se achegan á praia en curioso cardume. Os nenos colhían neles a eito ante os divertidos risos dos adultos. Máis alá, alén das boias de límite do banho, un cativo barquinho ía e vinha largando o aparelho e sacando contados peixes de cada vez. Así pasou media manhá para marchar con medio caldeiro de pesca. Na praia, os inocentes cativos, pescaban en cada pasada o total da pesca de todo un día dos homes do barquinho en alevíns que, a non tardar moito serían peixes adultos, e que deixaban morrer en seco sobre a area ou en abafantes bolsas de plástico. E todo isto no medio da feliz algarada de pequenos e grandes.
Que se esgotan os recursos?... será cousa do cambio climático ese. Mentras, o fabricante de ganapáns de (xoguete ?) e o comerciante que os vende fan caixa, o pai que os merca maila inoperante administración miran para outro lado mesmo que non chegue o peixe á praza ou acade prezos astronómicos.
O esgotamento dos recursos no é unha forza da natureza nin unha praga bíblica; é cousa nosa. Pero nós, candorosos humanos, que podemos facer? Xa reciclamos, xa compostamos, xa tranquilizamos as conciencias separando o lixo e aforrando auga...por veces...entón, que queren? Que volvamos á idade de pedra ou que? Nós, probos cidadáns, somos coma os lemmings que, nun momento dado, botan a andar en masa empurrados uns polos outros sen se deter para precipitarense por un cantil e morrer. Parece ser que isto non é tan así. Pero, no caso da civilización humana, si. Estamos demasiado ocupados en competir, producir e consumir sen un obxectivo concreto, marchando en masa cara a ningures empurrados uns polos outros sen que ningún de nós ouse frear, reflexionar e cambiar de programa, de vida. Xa chegamos ó bordo do abismo; agora xa todo é seguir para adiante…
A miúdo me pregunto que sería daquela antiga campaña de "pezqueñines no. Hay que dejarlos crecer", ou cómpre seguir servindo toneladas de "pescaíto frito", xoubinha e chincho que tanto agradan a turistas e non turistas? Haberá que pensar en non comer angulas e outras "quisquilhas", ou dámoslhe para adiante ata que estoupe ?
Alguén se parou a pensar que a maior parte das nosas cacas van a parar ó mar para seren comidas por animais marinhos que nós nos comemos sen probleminha ningún? Ou o mar é tan "ghrande" que ronha e peixe nunca chegan a atoparse?
Venha; duro contra o muro e o que venha atrás que arree. O futuro está aí e moi ben definido. No futuro comeremos pasta de papel de eucalipto porque o peixe xa nada polas nubes.