Marta Rodríguez Engroba
Ela si soubo empoderarse con dignidade. Boa viaxe, Tina Turner
Eran a parella perfecta.
Xuventude, enerxía, e unha carreira musical xa brillante, que facía vibrar a cantos os escoitaban e vían os seus espectáculos.
Absolutamente envexable.
O que ninguén, ou moi poucos, sabían, era que, cando as luces do escenario se apagaban, cando a súa aparentemente idílica vida de fama e glamour traspasaba a porta cara adentro da súa casa, comezaba para Tina Turner outra vórtice, a vórtice da dor, do terror, das malleiras... A vórtice, en definitiva, da violencia de xénero.
Ike, o seu home, lanzáballe café fervendo a cara, provocándolle queimaduras de segundo grado, e lla esnaquizou en múltiples ocasións.
Ela mesma relataba anos mais tarde como podía notar o sabor do sangue a través da súa garganta despois de que lle golpeara repetidamente o nariz, como lle rompeu a mandíbula, e como ter os ollos morados por mor dos golpes se converteu para ela en algo habitual, como habituais eran tamén as reiteradas aldraxes e vexacións, como levala a un prostíbulo na súa noite de bodas.
A finais dos anos 70, con 36, Tina decidiu que xa abondaba, que xa non máis, e aproveitando un momento no que Ike durmía, con tan só o seu bolso, o seu abrigo, unha bufanda e uns poucos centavos no peto, escapou pola porta de atrás do hotel no que se aloxaban.
Tres anos despois divorciouse, buscando liberarse de todo do seu pesadelo, manifestándolle ao xuíz, e cito textualmente:
"Olvide las joyas. Olvídelo todo. Solo es dinero manchado de sangre. No quiero nada".
Que gran dignidade! Máxime cando estaba a vivir a segunda parte do seu inferno, o de atoparse con todas as portas as que chamaba pechadas a instancias da súa ex parella.
"No tenía casa y me pasé dos meses de casa en casa de amigos. Mientras los dueños estaban fuera, les limpiaba su hogar de arriba a abajo. Prefería ser la criada de cualquiera antes que la esposa de Ike Turner. Esa era mi actitud".
Durante anos tivo que soportar aínda o acoso constante dos matóns contratados polo seu ex marido chegando a verse na necesidade, durante un tempo, de levar unha pistola consigo , mentres el manifestaba publicamente:
"Sí, pegaba a Tina, pero no lo hacía más de lo que de media pega cualquier tío a su mujer. La verdad es que nuestra vida no era tan distinta del vecino de al lado", tratando así de normalizar o maltrato, como fan tantos malnacidos.
Tardaría anos en remontar a súa vida, algo que conseguiu practicamente soa, co único apoio doutra muller tamén famosa, e que pasara polo mesmo inferno, a tamén cantante Cher, e máis anos aínda ata que se decidiu a contar a súa brutal experiencia nunhas memorias, pero sen estridencias, sen espectáculos, sen facer da violencia de xénero esperpento, nin moito menos explotala de plató en plató.
Todos coñecemos o que veu a continuación.
O ciclón Turner volveu a arrasar de novo, os escenarios enchéronse de novo da súa luz, da súa enerxía que contaxiaba a cantos a escoitamos e a admiramos, sobre todo a tantas mulleres que nos recoñecemos na súa historia, porque por moi famosa, por moi rica que chegase a ser non deixaba de ser o mesmo que tantas e tantas de nós:
Unha supervivente da violencia de xénero que estou segura que no fondo do seu corazón conservaba profundas pegadas da súa brutal experiencia... coma todas nós.
Tina Turner si foi un exemplo de empoderamento, de loita, que podendo facer un lucrativo negocio da súa desgraza, decidiu brillar polo seu traballo.
Non exhibiu a súa dor, nin moito menos utilizou os seus fillos para facer caixa, nin foi pola vida espallando trapos sucios, convertendo a violencia machista nunha especie de culebrón cutre a cambio de horas de TV ou de portadas de revistas.
E nada disto lle restou credibilidade, todo o contrario.
Pola contra, moitas mulleres que sobrevivimos a violencia machista nos identificamos con ela, porque cando a dor se transmite co corazón, e non escoitando o son da caixa rexistradora, impacta, cala dentro de quen escoita.
Tina foi, ademais, e isto é importantísimo, o recordatorio, a palpable demostración, de que calquera muller, sexa cal sexa a súa condición, a súa situación económica, o seu status social, pode chegar a ser vítima de violencia de xénero.
Penso que pouco máis se pode engadir.
Cando se coñeceu a noticia da súa morte, non puiden evitar lembrar que, nunha época especialmente baixa da miña vida, meu fillo me regalou unha recompilación do seu repertorio, que, naturalmente, conservo, e do que boto man máis dunha vez, e digo boto man, porque tanto naquel momento, coma agora, cando as cousas se poñen difíciles, me deixo arrastrar polo seu ritmo, e , malia que, evidentemente, non é solución, si me axuda, en moitas ocasións, a pouco a pouco, ir vendo as cousas doutra cor.
Boa viaxe Tina, grande como artista, enorme como muller.
Asociación Si, hai saida.