Marta Rodríguez Engroba
Carta aberta á "amiga" que axudou a matar
Creo que o teu nome é Leyre.
Permíteme Leyre que che diga que, malia, como xa manifestei, non coñecerte persoalmente, sinto por ti o máis grande dos desprezos e penso que non hai castigo abondo, que sexa o suficientemente grande, para que pagues o que fixeches, ou, mellor dito, o que non fixeches:
Calar os malos tratos dos que estaban a ser vítima Maialen e a súa filla, unha meniña de tan so 3 anos, para falar agora, cando xa non hai remedio, cando Maialen é xa tan so un nome, un número máis, nesas estatísticas, frías, manchadas de sangue , de vítimas da violencia machista, da que xa case ninguén se lembra, porque neste país noso, a memoria en canto as mulleres asasinadas é fráxil, moi fráxil.
Falaches nesa entrevista de, e cito textualmente, "faltas de respeto, insultos y llegar a las manos muchas veces", pero, mentres isto sucedía, calaches.
Sabías que existía unha orde de afastamento, que Maialen estaba tentando deixar sen efecto, malia que o seu risco era valorado como extremo, pero calaches.
Cando che preguntan por qué, malia todo isto, ela seguía con él, respondes, e de novo cito textualmente, "estaba enamorada y no veía como eran las cosas", algo común nas vítimas de violencia de xénero, confundir a dependencia psicolóxica do seu maltratador con amor
Pero tí si vías, ti si sabías, e optaches por calar, porque, para que te ías complicar a vida, non si?
Pero falas agora, porque es tan miserenta que non tes o menor escrúpulo en gozar do teu momento de gloria a costa do brutal asasinato da que aínda tes a ousadía de dicir que eras amiga.
Está moi claro, Leyre, que non es quen de asumir o que deberías levar para os restos na túa conciencia, se a tiveses, porque é obvio que non é así :
Nada menos que 4 vidas, a de Maialen, as dos seus dous fillos xemelgos que estaban a piques de nacer, e a da súa filla, unha meniña de tan só 3 anos, que ficou durante 12 horas pegada ao cadáver da súa nai, e que quedará marcada xa para sempre, e a que admites que o seu pai tamén maltrataba.
Podes estar francamente orgullosa, tanto como para exhibirte nos medios de comunicación, pero unha cousa che vou dicir: Se o fas, faino de fronte, que todo o mundo vexa a túa cara, a cara da cómplice do presunto autor do asasinato de Maialen e dos seus fillos.
Claro que se o teu silencio cómplice é reprobable, non o é menos o do pai e avó de Maialen e dos seus fillos, coma os doutras persoas da súa contorna familiar e de amizades que, sendo coñecedores do que estaba sucedendo, decidiron tamén gardar silencio.
E que a ninguén se lle pasou pola cabeza que, tendo, como tiña, este individuo, unha orden de afastamento, sinxelamente con coller un teléfono e dar a voz de alarma, posiblemente Maialen continuaría viva, e, con ela, os seus xemelgos que non chegaron a ver a luz, ademais de evitarlle a súa filla o inferno que viviu?
Podo, ata certo punto, entender, que non a compartir, por suposto, a reacción do pai, que tal vez temía a resposta, o enfado, da súa filla se falaba, pero creo que entre unha filla anoxada ou coa súa vida en risco extremo, e non soamente a dela, se non tamén as da súa neta e a dos o utros dous que viñan en camiño, a elección está clara, e, neste punto, estou a falar como nai .
Todos vós, Leyre, tedes sorte, porque malia ter cometido un grave delito, o de omisión de socorro, polo que teríades que ser xulgados e castigados con toda a rigorosidade do mundo, neste país noso de pandeireta, principalmente no que atinxe á violencia de xénero, a vosa impunidade está garantida, como tampouco vai ser castigado o feito de que, malia existir un risco extremo para Maialen e unha orde de afastamento en vigor, que xa fora quebrantada en varias ocasións, non se lles estivera a facer, nin a ela nin ao seu presunto asasino, un seguimento mais estreito.
Non nos están a vender continuamente a esmerada formación que os membros das FCSE destinados a asistencia das vítimas de violencia de xénero teñen? Pois non o será tanto cando semellan ignorar que o máis probable é que unha muller na situación de Maialen non sexa consciente do perigo real que corre, pero eso non é escusa para deixala exposta a el. Todo o contrario.
O que si é, desde logo, é moito mais cómodo, e, se por desgraza, coma neste caso, sucede algo irremediable, con culpar a propia vítima, e dicir que a responsabilidade foi súa, por rexeitar a protección, asunto resolto.
Do que se trata é de sacudirse as moscas de enriba co rabo, que total pode ser que se fale do tema, como moito, un par de días, e despois, esquecemento total, e, por suposto, ningún propósito nin intención de arranxar o que se está a facer manifestamente mal.
En calquera caso, Leyre, moitos parabéns, porque, lonxe de tratarte coma o que es, cómpllce dun tremendo crime, os medios o están a facer coma se foras unha heroína... Así estamos a estas alturas, elevando a miseria moral a categoría de fazaña.
Voume despedir de tí, Leyre, desexándoche que a vida che dea o que mereces, porque con iso abondaría, malia que para Maialen, para os seus fillos, sexa xa demasiado tarde.
Asociación Si, hai saída