Andrés Núñez Rajoy
Meritocracia, cuñas, enchufes e o "carné Froilán"
"El mal de España es la impunidad de que goza la inepcia; no nos pierden los pillos sino los tontos". Carta de Miguel de Unamuno a Ortega y Gasset, 26/07/ 1910
Xa tiña moi esquecida a película documental A Trama Vasity Blues (en orixinal Operation Varsity Blues: The College Admissions Scandal) que está na plataforma Netflix. Reactivouse cas declaracións do presidente de Nuevas Generaciones do PP de Madrid, Ignacio Dancausa, nas que lles contaba aos membros da Junta Directiva Provincial que se atopaban "negociando" coas "mellores discotecas da cidade" para ter algúns privilexios como membros das NNGG. Eses parecían ser "listas exclusivas, descontos para as copas, chupitos, acceso preferente e outros privilexios". Clasismo? Meritocracia?
"Varsity Blues" é unha trama para que os ricos e/ou famosos podan colar aos seus fillos nas mellores universidades dos EEUU. Unha investigación feita polo FBI destapou subornos en varias universidades xa que o sistema admisión de alumnos nas universidades americanas está baixo sospeita dende fai tempo. Vese como se inventan perfís académicos ou deportivos. O que eran sospeitas acabou sendo tráfico de influencias, falsificación, trato de favor e suborno. As universidades implicadas coas "portas laterais" ou as "portas traseiras" non son calquera, son as máis importantes, Harvard, Stanford, Yale, Georgetown, campus da de Berkely ou UCLA en California, Austin en Texas, etc. No documental fálase de arredor de 30 persoas aínda que din que as tramas poden pasar dos 600 pais implicados. Os pais pagaban, teoricamente, por preparalos para os exames de acceso, e logo falsificaban os resultados. En vez de contalo mellor mirádeo.
Fai uns anos aparecera na prensa un documento interno de Deloitte que se debeu despistar de destinatario e chegou a quen non debía. O documento acabou co nome de "O Excel dos enchufados de Deloitte". Nun arquivo de Excel ían, en orde alfabética, o listado de novas incorporacións. Xente moza que superara o proceso selectivo e empezaba a traballar na compañía. Este arquivo de Excel tiña dúas pestanas a do listado poñía "Participantes", mais había outra que poñía "referidos" que era un eufemismo de "recomendados" ou "enchufados". Na liña do "referido" ven o nome do "referidor". Vai dende arriba de todo (presidente) ata os banzos inferiores. Tamén, no listado hai apelidos coincidentes entre "referidor" e "referido".
Houbera bastante rebumbio ao redor disto. Nomeadamente no sector da consultoría. As Catro Grandes (Deloitte, PricewaterhouseCoopers, Ernst Young e KPMG) ou "Big Four" como lle gusta chamarse, ou como lle chaman na capital do Reino andaban alporizadas. Como o falar non ten cancelas e un dos mandamáis dunha delas acabou recoñecendo "que é habitual, e sabido por todos, que os os que van con cuña pasan máis facilmente os procesos de selección". Tamén dixo que todos teñen unha cota de enchufados que normalmente son fillos ou parentes de clientes importantes. A min impresióname ver que entre estes estean os que avalaron as contas de Bankia no caso de Deloitte, ou os de KPMG de triste presencia en Galicia cando foi contratada pola Xunta de Feijóo para emitir un "informe" que avalase a solvencia da fusión das caixas de aforro galegas. Pasados os anos soubemos que non era un "informe" senón un "diagnóstico acelerado da viabilidade da fusión" na que non dicía nin si nin non.
Farteime de dicirlle aos meus fillos que se esforzasen, que traballaran duro e que poderían ascender todo o que dean as súas habilidades e o seu teu talento. Tiven a sorte de estudar a finais dos anos 70 (séc. XX), coa democracia nos 80 e 90 o ascensor social parecía que funcionaba. Universidades públicas, comezan a incrementarse as bolsas de estudantes. Defendo a igualdade de oportunidades, a distribución baseada na progresividade fiscal, a educación publica de calidade e gratuíta e nunca esquecerme da miña orixe, saber de onde veño. Non me queixo do feito , nin dos fillos. Preocúpanme os netos e netas.
Cambiou moito o conto. Despois da II Guerra Mundial a mobilidade ou ascensor social foi case sempre de subida, a sociedade estaba a sufrir importantes cambios estruturais. Porén, cando se modera este cambio, as cousa ou se paran ou van de vagar. Parece que este ascensor social estoupou. Temos unha economía que ten traballadores precarios con salarios de auténtica miseria. Toda a vida dicíndolle esfórzate e eles pregúntannos que o que fixeron mal cando fixeron todo o que se esperaba deles.
Xa lera no 2013 O Capitalismo do século XXI ("Le Capital au XXIème siècle"2013) do economista francés Thomas Piketty. Dinos que a relación esforzo e riqueza é falsa xa que a herdanza é un dos factores máis importantes na reprodución do modelo capitalista. El chámalle o "Goberno dos herdeiros" na que a metade da riqueza mundial pasa de xeración en xeración. Un estudo da Banca Italiana feito por Guglielmo Barone y Sauro Mocetti co título "Cal é o teu apelido? A mobilidade xeracional nos derradeiros seis séculos" ("What’s your (sur)name? Intergenerational mobility over six centuries"2016) . Demostran, baseándose en datos fiscais, que os ricos de Florencia son os mesmos desde fai 600 anos. Como di Piketty: "Os ricos son máis ricos".
Terra de enchufes. Terra de pelotas. Terra de lambecús. Tamén se poñen no camiño para ascender. Vemos como aumentan os reclamos de "educación de elite" onde se disfraza o esforzo e o mérito cos contidos escolares, facendo unha selección e/ou segregación social. Vese na política dalgunhas Comunidades Autónomas coa apio á ensinanza privada en detrimento da pública. Vivín un caso aquí en Pontevedra do máis paradoxal, uns pais ateos manda á súa filla de oito anos a un colexio relixioso concertado, cousa que nunca entendín. Hai un mes estaba a parella toda seria na sala e a nena aos velos díxolles: "os veo tristes, voy a rezar por vosotros". O que esta parella non ve é que a meritocracia é unha mentira. Chegar podes chegar a algún sitio pero teríamos que preguntarlle aos do Excel de Deloitte quen subeu de categoría e quen foi despedido.
O profesor Manuel Bagüés (profesor do Departamento de Economía de la Universidad de Aalto en Helsinki, Finlandia) fixo un estudio para a Fundación de Estudios de Economía Aplicada (FEDEA) para determinar o grado de parentesco na "alta administración do Estado" estudiando o resultado de 69 oposicións e 85.000 opositores e 21.000 funcionarios deses corpos para contrastar os apelidos. O resultado é impresionante: "os familiares son o 20% dos novos membros da administración española". Destacan cun 30% notarios e rexistradores e cun 10% os xuices. Bagüés di: "estamos tan obsesionados co favoritismo que despreciamos outras formas de selección. O que xera desigualdades no acceso a esas profesións é o longo período de tempo que se require para preparar unha oposición, que son varios anos e iso pide apoio familiar e de entrada elimina aos candidatos de rendas modestas".
A boutade ou bravuconada do presidente da NNGG de Madrid é nin máis nin menos que o que reflicte todo o escrito. Tivo a súa repercusión nos medios, e tamén entre moita xente polo seu espallamento nas redes. Eu escoitei a dous mozos falando disto e dicíalle un ao outro: "o que propón o de NNGG é a obtención do carné Froilán para andar de carallada gratis todas as noite por Madrid. E por riba danche un choio de 6.000 pavos ao mes, aínda que non teñas estudos". Meritocracia, díxolle o outro. Botaron uns sorrisos cómplices. Pois iso.