Pedro J. Peón Estévez
Rita Galeotti, A Rumboia, Facetta nera e A Quenlla
Rita era de Módena pero nada tinha que ver co famoso vinagre pois a nosa Ritinha era todo dozura. E digo "era" porque caeu vítima dun fatal accidente, por dicilo dun xeito suave.
Rita era filha do carpinteiro Francesco Galeotti, esposa de Mihail e nai de Xoán e vivían nunha humilde casinha, toda amor, en Banhos de Tui.
Nun certo concerto da Quenlla, o gran Rivas (Mini) presentou o, daquela, novo éxito do grupo: A Rumboia. Dixo que se desconhecía a orixe daquela canción, que probablemente fora pilhada de oído por alguén e que a reproducise ao seu xeito. A propia Quenlla adoptouna, adaptouna e gravóuna para converterse axinha nunha peza abondo conhecida.
En certa ocasíón oín de refilón na televisión uns compases parecidos ó retrouso da Rumboia. Foi unha sorte de "flash". Non volveu soar no documentario (un de tantos sobre a guerra incivil) pero supuxen que era algo que cantaba o exército fascista de Mussolini, aliados de Franco.
Conteilho a Rita supondo que, por ser italiana, tería más idea ca min. E non me trabucaba; axinha colheu o teléfono e foi a tiro fixo. "É esta…é esta!" dixo con alborozo. Tratábase de "Faccetta nera" un himno relacionado coa invasión de Abisinia que cantaba a soldadesca feixista. Velaquí o retrouso:
" Faccetta nera, bell’abissina,
aspetta e spera che giá l’ora si avvicina
Quando staremo vicino a te
Noi ti daremo un’altra legge, un altro Re "
Os primeiros compases do retrouso son case idénticos á Rumboia, despois xa van tirando cadaquén pola súa banda. Estamos a falar de tempos onde non dispoñia calquera de medios para gravar e os nosos devanceiros apanhaban as cousas de oídas e así foi como chegaron a nós moitas cancións. As demais estrofas da Rumboia non se asemelhan en nada á italiana e tenhen un certo aire portugués o que me leva a pensar se non xurdiría, como tantas outras músicas, alá por terras do Minho, seguramente levada por algún combatente retornado
Rita e familia sempre foron practicantes das artes. Mihail, o seu marido é enxenheiro, músico e docente; Rita ere unha mestra licenciada en Belas Artes. Foi ela quen desenhou e realizou o derradeiro CD de A Quenlla "De Amor, Dor e Loita", título case premonitorio da sua, inxustamente, truncada vida. O seu filho Xoán amosa grandes aptitudes musicais.
Os soldados de Musolini foran derrotados estrepitosamente en Guadalajara e caían tan antipáticos a republicanos como a franquistas, pese a seren aliados deste últimos. A letra de "Faccetta nera" foi refeita a fin de ridiculuzar ás tropas italianas por parte de ambos contendientes.
Niña bonita, no te enamores,
deja que vengan los valientes españoles.
Los italianos se marcharán
Y de recuerdo un bebé te dejarán.
Ou esta:
Guadalajara no es Abisinia
porque los rojos tiramos bombas de piña,
menos palabras y más valor
Que hubo italiano que llegó hasta Badajoz.
Ou estoutra máis contundente:
Guadalajara no es Abisinia
porque los rojos tiramos bombas de piña.
Los italianos se marcharán
y de recuerdo un cadáver dejarán.
De calquera xeito, estas cousas só traen recordos tristes. É mil veces melhor cantar con Mini, Mero, Mihail e os demais unha Rumboia amable e festeira, unha Rumboia remozada, pacifista e popular independentemente de se ten a orixe aquí, alá ou en xalundes.
E máis nada…Si, algo: NON Á GUERRA! E que a pequena Rita sexa moi feliz onde queira que se atope. Así a despediron os seus alumnos:
"…Bella ciao, bella ciao, bella ciao, ciao, ciao…"