Xerardo Torrado Agulla
O oficio de historiador: problemas entre a formación académica e a difusión editorial
O oficio de historiador é un dos máis peculiares en canto que non todo o mundo crese capacitado para realizar unha intervención quirúrxica, pero todo o mundo crese capitado para escribir libros de historia. Poderase alegar que co primeiro sálvanse vida e co segundo non, o cal, debo confesar, é un argumento moi convincente. Pero a pesares dixo quixera, unha vez máis, facer unhas reflexións. Fai uns meses presentouse na cidade olívica un libro de mitoloxía clásica escrito por unha persoa que non tiña formación académica de historiador nen en filoloxía clásica. O curioso era que á mesma editorial eu lle fora ca idea de publicar un libro sobre o exército romano froito de anos de investigación, cotexando e buscando citas en Polibio, Tito Livio, Dionisio de Halicarnaso, Flavio Xosefo, Suetonio ou Tácito, ademais da bibliografía que tiven que manexar. Absoluto silenzo, non me contestaron, incluso tenteino con outro libro sobre temática relacionada ca antiga Roma… de novo silenzo. A veces vexo na prensa sobre "traballos de encargo" de prestixiosas editoriais, pensando que un nome dalgún protagonista televisivo é garantía de boas ventas, o triste é que acertan e, efectivamente, o libro encargado convértese nun éxito editorial.
Xa fan moitos anos que comentaba cos meus colegas a necesidade de que os historiadores, sen chegar a crear un corporativismo de colexiados, defendéramos o noso terruño. Creo que as editoriais non apostan polos historiadores de formación, semella que non vendemos. Incluso é curioso que as veces prefiran traducir a un historiador anglosaxón que publicar a un historiador hispano. Xa vemos que dende fai anos hai certo monopolio anglosaxón en certos campos, por exemplo, no campo do exército romano sinalado anteriormente. E hai certos nomes xa asimilados con certas etapas históricas e máis aló daqueles nomes, ninguén se pode crear un espazo no mundo editorial. Tódolos anos presentan un libro sobre a mesma temática, e seguen vendendo. Con iso non quero decir que todo historiador anglosaxón é peor, pero debo deixar claro que tampouco ten que ser mellor, a pesar de que as editoriais crean o contrario e non aposten polos historiadores españois formados.
A pesares de que como historiador penso que deberíamos coidarnos un pouco máis do intrusismo, todos, incluso os historiadores, desfrutamos de plumas dalgúns non historiadores de formación académica, como Isaac Asimov e os seus fantásticos ensaios sobre a Historia Antiga Universal e Historia Medieval, entre os que destaco ó tomo adicado á República romana, recomendable incluso para unha persoa cun doutorado en Historia Antiga se quere pasar un bo rato refrescando datos e disfrutando dunha coidada exposición dos feitos. Incluso as veces xente que non foron formados como historiares foron os precursores en certas áreas, eu sempre lembro a Rubén García Álvarez, médico de profesión e que co seu valiosísimo vaciado documental do tombo do mosterio de San Salvador de Celanova se converteu nun grande medievalista e membro da Real Academia da Historia (1962) e da Real Academia Galega (1967). Os dous tomos de Rubén García Álvarez sobre historia altomedieval galega conteñen valiosos datos, sobre todo relacionados ca sociedade e ca demografía desta etapa histórica e relacionados con aquel espazo xeográfico. Creo que estes dous tomos necesitarían ser reeditados. Eu, afortunadamente conto ca miña vella edición, que saboreo cando podo satisfacendo a miña vea de medievalista que tentei afogar cando me especialicei en Antiga para sorpresa de todos, eu era o medievalista da promoción, e incluso debo admitir que no grao, ademais do itinerario de Antiga e arqueoloxía, teño o de Historia Medieval. Sempre xurde o medievalista, que se fai espazo a mandoblazos.
Un campo moi manido por non historiadores, ademais de ensaios divulgativos de variada categoría, é o da novela histórica. Persoalmente, como especialista en Historia Antiga, encántame ler a Colleen McCullough, cunha serie de novelas históricas sobre a antiga Roma que lle valeron un doutorado honorífico nesta disciplina. Pero hoxe en día confúndese "novela histórica" con novela ambientada en tempos pretéritos. Entre un concepto e o outro hai un amplo campo no cal nun extremo, atopámonos ca mencionada Colleen McCullough ou con Robert Graves e os seus magnífico Eu, Claudio, O vellocino de ouro, A filla de Homero, O conde Belisario, etc., e noutro extremo toda unha serie de novelas baratas, mal documentadas, onde se mezclan churras con merinas seguindo á liña aberta por Dan Brown, para desgraza dos historiadores, de especulacións pseudo históricas, ate xerar productos de consumo fácil pero dificilmente identificable cunha auténtica "novela histórica".
Cando entro nunha libraría, nunca me dirixo ás novidades, xa que poucas son as obras de historia realmente boas que estean colocadas neses estantes. Creo que o mellor que poden facer as editoriais para manter á categoría intelectual, a pesares de que non sexa tan rendable, é reeditar ós clásicos, como se fixo con Ronald Syme e a súa A Revolución romana hai uns poucos anos. Estas obras son atemporais, moi lonxe da literatura barata ou as memorias "escritas" por diversas personaxes dos platós de televisión, dentro de catro anos non se saberá nada destes libros, pero dos cartos amasados con esta bazofia nunca soñaría nen Ronald Syme nen ningún outro historiador.