Tribuna Viva
Alexandre Bóveda e a importancia da memoria
“O esprito de Bóveda non figura na Santa Compaña dos inmortaes, porque non pertenece á Hestoria senón á Tradición, en arume de Lenda. Bóveda terá de ser nun mañán próisimo ou lonxano a bandeira da nosa Redención”. Estas eran as palabras de Daniel Castelao lembrando ao que foi o seu amigo e referente histórico do Partido Galeguista, Alexandre Bóveda. Bóveda foi asasinado polo fascismo o 17 de agosto de 1936 na Caeira, con só 33 anos, tras un xuízo sumarísimo que o acusou de traizón por ser nacionalista e defender a liberdade da nación galega (xuízo que, para vergoña de todos os demócratas, aínda non foi anulado por ningún dos sucesivos gobernos do estado); a efeméride deste momento negro da historia do noso país é recordada dende 1942 como o Día da Galiza Mártir, data creada pola Irmandade Galega de Arxentina e o propio Castelao en homenaxe ao mestre e o resto de represaliados pola represión franquista.
Nos tempos que corren de confusionismo, revisionismo histórico e distorsión mediática, resulta fácil esquecer quen era Bóveda, militante nacionalista convencido e unha das mentes máis brillantes do galeguismo de pre-guerra. Foi un dos redactores do que sería o Estatuto galego de 1936, e era particularmente dotado no campo da economía, chegando a deseñar unha proposta de banco público galego como peza fundamental para unha futura Facenda Galega dependente da Xunta de Galiza, baseada nos principios de igualdade e progresividade.
Ese era Alexandre Bóveda, un home admirado polos seus coetáneos, perseguido polas súas ideas, e faro moral e ideolóxico de todos os homes e mulleres que loitan por unha Galiza dona de si e republicana. Unha figura que foi ascendida a símbolo de todos aqueles que perderon a vida ante a barbarie do fascismo español, mais que, como todo símbolo nacional galego, é disputada por aqueles que queren “resignificar” o pasado para xustificar o presente, provocando situacións tan esperpénticas como ver os herdeiros ideolóxicos dos executores reivindicando coa boca pequena aos executados.
No ano 1996 o concello de Poio deu un importante paso na senda da dignidade e recoñecemento, institucionalizando oficialmente o 17 de agosto como Día da Galiza Mártir. Tamén foi erguido un monólito na Caeira na súa memoria, aos pés do cal se viría facendo unha ofrenda floral cada ano nesta data nun acto organizado polo propio concello en colaboración coa Fundación Alexandre Bóveda. Con isto, o concello marcou o camiño a seguir no recoñecemento e memoria da súa figura, facendo un traballo fundamental para que o seu pensamento non sexa esquecido. É necesario coñecer e entender o pasado para que non nos rouben o futuro. Por isto, lembremos aos nosos mártires este 17 de agosto, e sigamos loitando pola Galiza que eles se atreveron a soñar, e pola que pagaron o máis caro dos prezos.
Martín Coego, militante do BNG de Poio