Xerardo Torrado Agulla
Bonapartismo, ou da xestión da cousa pública, democracia ou super-home?: uns apontamentos
Hai anos, os meus contertulios en Compostela escandalizábanse cando dicía: "eu non son demócrata, son Bonapartista". E non era para menos, pero esta expresión debe matizarse. Atribuese ó xenial humor xudeu de Groucho Marx aquilo de que "a política é algo demasiado serio para deixala en mans dos políticos". Eu esperaba daquela nun Mesías, nun super-home, e ó meu maxín víñame Bonaparte. O concepto nietscheniano do "super-home" viciouse con toda unha serie de costras espúreas tralo terror da Segunda Guerra Mundial en Europa. Así é que en toda mochila do soldado da Wehrmacht había, como se de un botiquín se tratara, un exemplar dun compendio de frases de Nietzsche titulada Schwert des Geistes: Worte für den deutschen Kämpfer und Soldaten (Espada do espíritu: Verbas para o combatente e o soldado alemán) . As veces preguntámonos si é mellor que veña un "super-home" a xestionar todo o relativo a Res Publica en vez de confiar nas urnas cada catro anos. Eu cando preciso facer un moble, acodo a un carpinteiro, non fago unha consulta popular a xente que non ten nen idea de ebastinería, pois o mesmo debería ser en política, argumentaba eu. É pasmoso ver o número de ministros e ministras na historia da democracia española que ocuparon o seu cargo sen ter nen idea, simplemente por apoiar a unha persoa nas primarias internas dun partido, desvirtuándose o beneficio estatal ó ser sometido ó beneficio persoal.
A pesares do meu "Bonapartismo", e de que Napoleón Bonaparte establecería un criterio de reclutamento administrativo en base a un criterio de antigüidade e á experiencia profesional, en realidade debo confesar que nesa "meritocracia" bonapartista, non deixaba de haber favoritismos, con claros casos de mecenazgo e promoción dos seus familiares ás monarquías, non entro en exemplos, e incluso dos seus xenerais, tales como Murat (1767-1815) que de ser fillo dun mesoneiro chegou a ser rei de Nápoles entre o 1808 e o 1815, ou Xoán-Bautista Bernadotte (1763-1844), convertido en rei de Suecia en 1818 como Carlos XIV e do cal, lembremos, descende a actual casa reinante sueca. Pero a imaxe final é que para elexir ós maxistrados, Bonaparte certamente non actuara de xeito despótico e sen criterios e semella que elixiu con bo criterio os seus maxistrados e xuíces, preferindo persoas cunha sólida formación profesional, e de aí que apreciemos certa continuidade neste aspecto dende o período Revolucionario. A pesares de todo, sí apreciamos certo "aristocratismo", xa que Bonaparte agardaba atopar en certos sectores da sociedade a mellor preparación para o desempeño de certos cargos, pero tendo en conta que había grupos aristocráticos que emigraran de Francia durante a Revolución e que só de forma paulatina irían regresando por medio de amnistías, o "aristocratismo" estaría minado nas súas raigames. Con Bonaparte, a soberanía identificábase unha vez máis cunha soa persoa, tras ser asociada ca "nación" e co "pobo" en diferentes momentos durante a Revolución. Era Bonaparte a culminación ou a degradación da Revolución?
Non debemos facer o goberno de Bonaparte coma un idilio do pensamento libre. O control da prensa por Bonaparte foi un feito, un control que se iniciou o 17 de xaneiro do 1800 cando reduciu o número de xornais diarios de 73 a 13, e aquel control foi indo intensificando co tempo chegando a un punto culminante entre 1810-1811, cando impón unha reorganización tanto da prensa parisina como da provincial e local. Despois de todas esas medias draconianas, en París só se publicaban en París catro xornais: La Gazette de France, o Journal des Débats, o Journal de Paris e o Moniteur, que era profundamente favorable ó retorno dos borbóns, debo sinalar. Así mesmo, o control das represencións teatrais se fixo algo habitual, e mentres eran prohibidas as obras de teatro contrarias ó réxime, os teatros que se pregasen ás súas normas, como o Théâtre Français, a Comédie Française, o Odeón, a Opéra e a Opéra Comique, disfrutaban de abondosas subvencións. Un vicio que dende as forzas vivas soe a funcionar en pleno século XXI. A verdade sempre foi desvalida en tódolos réximes, Bonaparte, como moitos políticos actuais, pensaba que "a verdade non é nen a metade de importante que o que a xente pensa que é a verdade".
Outro dos aspectos que desmitificarían hoxe a Bonaparte sería o súa visión retrógrada das mulleres, en Santa Elena, no 1817, no seu obrigado retiro da vida pública, chegou a confesar: "as mulleres gozan de demasiada consideración en Francia. Non debería ser consideradas iguais ós homes de feito, son meras máquinas para fabricar nenos"… sen comentarios.
Bonaparte pecaba de egocentriso de xeito claro. Durante os Cen días (20 de marzo ó 22 de xuño do 1818), que supoñen á volta de Bonaparte á escea política trala súa fuga de Elba, se lle atribúe a Bonaparte unha frase que encerra a concepción do seu provindencialismo: "Quero goberna-lo mundo e para facer isto preciso dun poder ilimitado (…) o mundo suplicoume que o gobernase; os soberanos e as nacións disputáronse caer baixo o meu cetro". Igualmente dise que Napoleón lle dixo a Meternich: "a un home como a min lle é indiferente a morte dun millón de homes".
O mito de Bonaparte, que tamén, debo confesar, me conquistou a min en certo momento, converteuse cáseque en relixión e se chegou a escribir que representaba á vontade popular, que a base do poder imperial era "democrática", xa que todo o poder procedía do pobo.
Din que de Napoleón só quedou trala súa morte os seus monumentos arquitectónicos, pero a verdade é que os máis de 900.000 franceses que morreron nas guerras imperiais e a súas víctimas, morreron por algo máis: a modernización e o crebe das estructuras do Antiguo Réxime. E as súas reformas en Francia terían un grande calado e terían en parte vixencia trala súa segunda, e definitiva, abdicación do 22 de xuño do 1815: o Código de Procedemento Civil do 1806, o Código Comercial do 1807, o Código Criminal e o Código de Procedemento Criminal do 1808 ou o Código Penal do 1810. É que Napoleón, como escribiu Geoffrey Ellis, do Hertfod College de Oxford, tería máis de Xustiniano que de César ou Carlomagno. Cando paseo por diante do monumento os heroes de Pontesampaio penso: eu de vivir daquela sería "afrancesado". Si pensamos nas víctimas provocadas polo imperialismo bonapartista, tamén debemos pensar nas víctimas ofrecidas para que o felón de Fernando VII viñera en troques de Xosé Bonaparte. Penso que España perdeu daquela unha oportunidade de ouro para modernizarse, e isto é algo innegable. Pero xa que Bonaparte seica morreu, convencido de que non había nen habería outro igual a el, volvín a ser demócrata.