Pedro J. Peón Estévez
Futebol e Memoria: Lino
Só conhecía a Teresa Abelleira de lonxe pero tiven a fortuna de vela de preto na Pedreira.
Entrou na praza caminhando, soa, sen máis séquito que algúns gardas locais e un nubieiro de fotógrafos. Vinha risonha, leda, humilde, fermosa…Nada nela deixaba entrever a súa fortaleza de corpo e espírito. Naquel xusto intre foi a irmá, filha, neta e bisneta de toda Pontevedra. Asomou polo balcón do pazo de Mugartegui e falou. O seu forte é o deporte e non tinha porqué dominar a oratoria, pero falou e moi ben. Foron poucas palabras, pero as máis fermosas e sinceras que nunca se dixeran nesta vila. E, nese intre, lembreime da minha doce e brava Fátima.
Fati non tinha dez anos cando acordou apuntarse a futebol no colexio Campolongo.
- Cómo ? Fútbol ?? Pero si eres una niña !! - exclamou, abraiado, un dos docentes.
- Acaso no tiene piernas como todos los demás ? -interviu, valedor, o profesor de Educación Física deixando esquecido o desafortunado comentario.
Tempo despois comezou a xogar no Queiroga de futebol sala sendo auténticas pioneiras nese deporte en Pontevedra. Daquela había poucas xogadoras e adoitaban enfrontarse a mozas moito maiores, tanto que algunhas levaban os carrinhos cos bebés ós partidos. Estas mulheres soían xogar tan duro como mal e con maus adestradores que só pensaban en ganhar a base de repartir “lenha”.
Quero destacar o labor dun home moi especial: LINO, excelente adestrador e melhor persoa. Aprendeulhes a técnica pero tamén a xogar con limpeza; a saber ganhar e perder con nobleza e humildade. Non así outros que ata levaban as folhas da estratexia en plan Fabio Capelo. Total, que recibiron entradas durísimas, destrozáronlhe corpo e pernas, roubáronlhe partidos e ante a falta de oportunidades para o futebol feminino, algunhas fóronno deixando. Tamén o ter que desplazarse fóra por mor dos estudios influiu neste abandono.
O trunfo da selección feminina de futebol non deixa indiferente a ninguén pero tamén ten o seu lado escuro; multitude de xerifaltes do cotarro pululan en plan carronheiros ávidos por sacar tallada do éxito alheo. En Galiza temos un que non lembro como se chama pero é un que ten no despacho un título de Dereito que mercou na Arxentina. Rubiales hai moitos. Nin as xogadoras son reses nin Rubiales o pastor.
Ben, o tempo pasou e cadaquén búscase a vida. Fátima estudiou carreira en Madrid e alá vive. No seu tempo foi a directora de teatro máis nova de Espanha pero como era filha de obreiros, non puido ganharse a vida coa arte e tivo que prcurarse as fabas por outro lado.
En resumo: é moi san conservar a memoria; benvidos os triunfos d@s nos@s deportistas. Fati e a sua reración van quedando no pasado. Tamén Lino, o gran LINO; que sexa moi feliz alá onde se atope. Tampouco convén esquecer o desplante ás xogadoras ganhadoras da copa da raínha. Nin siquera a raínha foi daquela. Ninguén tivo a decencia de ir entregarlhes o trofeo. Debeulhes falhar a memoria…
En fin; xa temos aquí a Feira Franca pero o medievo xa pasou. E, con el, o dereito de pernada.