Pedro J. Peón Estévez
Praza da Peregrina: irse pola tanxente
Nas concentracións reivindicativas da praza da Peregrina dase algo ben curioso: que sempre son todos os que están (e algún menos) pero nunca están todos os que son, nin moito menos. Tanto ten que se reclame melhoras no social, a banca, deporte, seguridade, sanidade, educación, cultura, economía, mediambiente…non importa; agás dentro do pequeno círculo diante da fonte, o resto do mundo parece gozar dunha felicidade completa, cousa que me aleda enormemente. Este lugar é o máis demandado polos turistas, venhan estes das estacións de transporte de viaxeiros, do caminho portugués ou de onde cadre. Cando un foráneo pregunta por algo, adoita ser a Praza da Peregrina.
Para melhor entender o funcionamento deste concurrido lugar, nada melhor que unha toma elevada de dron (antes, a vista de paxaro). A praza da Pergrina é un espazo urbano no que conflúen cinco rúas: Peregrina, Michelena, Oliva, remate de Benito Corbal e comezo do paseo Odriozola con constante paso de xentes entre unhas e outras, corrente esta que forma un remuínho case circular e estático diante da fonte que adoita estar ocupado de turistas e onde concurren diversas manifestacións sociais e lúdicas (deporte, baile, artistas da rúa…tenderetes políticos de venda de vento ou o home que mete o vento en burbulhas de xabrón, para contento de rilhotes, e tamén actos de carácter social como o que nos ocupa.
Pois foi que alguén convocou á xente para denunciar a corrupción no mundinho do futebol, personificada nun tal Rubiales ea súa camarilha. Tratábase de solidarizarse coas mulheres apoiando a unha ultraxada Jenni Hermoso. Ía a cousa de manifestar a nosa repulsa ante o abuso de poder de cote exercido contra as mulheres deportistas. Nada máis xusto, máis normal, máis lóxico…ou non? A xusgar pola moita policía que nos “acompanhaba” poderíase pensar que eramos moi ruíns, malia o noso comportamento ser pacífico, tranquilo e legal. COMO SEMPRE, nin máis nin menos. Algunha xente pasaba tanxencialmente de largo. Algúns miraban de esguelho. Outros resmungaban entre dentes. Algún despistado entrou pola secante pero, en vendo o que alí había, fuxiu a fume de carozo…Non fora a ser que o viran os seus amos…
Tratando de hachar unha explicación para tal despliegue de forzas, cheguei á conclusión de que o sistema xa ten tan asumida a corrupción dentro de si que calquera reproche á corrupción será entendido como un ataque ó propio sistema…digo eu.
O caso foi que non albisquei por ningures futbolistas, nin camisetas, nin pancartas nin profesionais nin afeccionados. Nada.
No deporte en xeral e no futbol especialmente, hai moita larafuza. Sacala a flote é misión nosa, afeccionados ou non e non só das mulheres. Non escurramos o vulto.
Rubiales hai moitos en tódolos ámbitos da sociedade, e iso non é o peor. O peor son os que calan e/ou lhe aplauden.
Rectifico; o Pontevedra CF en pleno si foi á Peregrina. Dous días despois. Á igrexa, a rezar.