Pedro J. Peón Estévez
A Penín. Iber (meteoroloxías II)
Este título pode levar a pensar que se trata dun intento de escribir Península Ibérica e que se me esgotou a tinta polo caminho. E algo de certo hai.
Xa abordaramos este tema no artigo "Meteoroloxías e outras manías" alá por 2020 pero, en vista de que as cousas seguen igual (ou peor) malia o tempo transcorrido, retomamos a cuestión coa intención de descifrar o velho enigma diario da pantalha da televisión como se dunha moderna pedra Rosseta se tratara. Pero vaiamos por partes -e nunca melhor dito - deixando de lado esa península ibérica mutilada cun Portugal branco cal deserto de sal. Coma así, se colhemos a imaxe do satélite, vemos un Portugal vivo, cheo de ríos, cidades, bosques, bacalhau e vinho alentejano…en resumo; o Portugal fermoso, culto e acolhedor que atopamos cada vez que pasamos o Minho. Ademais, con só pasar a raia, xa es unha hora máis novo.
Hai xa uns anos que a televisión, calqura das cadeas, explotan ó máximo os programas de cocinha, que xa hai que aborrecen; os concursos coa participación dos famosetes da plantilha, que así sae máis barato; vemos que se copian coma "belhacos" e non falemos da autonómica que, co seu sistema de augadizar en campo, praia, monte, hostelaría etc., comen, enchen a programación e non gastan un peso…: "Amolemos como galegos!". Ben; as cadeas ("¡Vivan las caenas!") coinciden todas nos partes meteorolóxicos, se ve que todas beben das mesmas fontes; todas sen excepción presentan un mapa mutilado da península e todas todas ningunean a Galiza: só nos mencionan por pura comenencia. Isto xa o tenhen denunciado máis dunha vez os profesionais da hostelaría galega sen que lhes fixeran nin p… triste caso.
Pois si; ultimamente as teles, entre inundacións, secas, sarabiadas, calor insoportable, temporais e demais desgrazas, non paran de facer caixa. Mandan aquí e alá a dous mozos armados de cámara e micro alá onde haxa desatres; emiten gravacións de móbil con tremendas riadas que arrastan carros e colectores. Retratan árbores caídas, muros derrubados, incordian ós vecinhos que limpan e recuperan o que poden e métense nas súas casas para amosarnos ata onde chegou a auga…
Mentras tanto en Galiza non chove moito, non hai fortes nevaradas, nin fai calor abafante, nin moito frío…con este clima sería o país ideal para o aceite que tanto escasea pero xa se ocupou a rancorosa raínha Sabela de chapodarnos as oliveiras nesa "doma e castración" que aínda dura. Oliveiras aínda quedan algunhas aquí e no norte de Portugal que producen pouco aceite pero de calidade superior. Na Idade Media non había televisión pero había unha odiosa raínha que nos tinha debaixo un dente. Poderíanse plantar oliveiras en Galiza porque terra hai dabondo, pero aquí xa temos eucalitos. Non se pode ter todo. Os nosos vecinhos do sul, dos que aínda podemos aprender, chámanlhe azeite ó de oliva, ó que procede da azeitona. O demais é óleo
E así se explica a xenreira que nos tenhen sen nós ter culpa algunha. Ademais de sermos un "oasis" cilmático, condénannos a ser o lado escuro televisivo. Só falan de nós cando hai algún "prestige" ou cousa polo estilo. Do noso benigno microclima, nin chío…nin mus, non vaian provocar unha invasión de fodechinchos que nos coman vivos.
Pois aí está o choio; damos pouco xogo televisivo. Por culpa da nosa situación privilexiada, o noso clima benigno, ténhennos marxinados. E levamos séculos así. Producimos pouca carnaza informativa catastrófica e non nolo perdoan. Seguimos a ver o mutilado mapa en bermelho, requeimado de calor, agás este recuncho do noroeste que non pasa de amarelo. E, aínda por enriba, mesmo pouco ardeu este verán (comparado con outros anos, se entende)
E así se explica o conto; aportamos ás televisións tan pouco material tráxico de sucesos que se viran de costas e fan que non ven. E digo eu: que culpa temos nón se o noso país foi ben desenhado con escorrentías cara o mar? Que culpa temos se polas noite podemos durmir con esa marabilha que é facelo dunha asentada e mesmo ter que acuruxarse entre as sabas no fresco da manhán?
E seguimos estando por aquí, levamos séculos aquí, que dicía a sempre lembrada Quenlla. Agardamos polo turismo, non polo "tuzarismo" berrón e mangatomates de fardelo e chinela que asola as nosas vilas e que tanto encanta ó noso ghovernicho do xa cobeo.
Ponhede a Portugal, e a Galiza, no mapa tal como xa están na realidade…
- Pero se pomos a Portugal, tamén haberá que por o sur de Franza
- Pois claro ! Somos Europa ou non?