Xerardo Torrado Agulla
Para cando un Centro de Estudos Medievais de Pontevedra?
Hai unha semana Pontevedra viviu a súa "Feira Franca", ocasión para xuntarse e pasalo ben, o cal non está mal, senón todo o contrario. Pero nesta nova celebración, como tódolos anos, vemos que o que era un evento cultural se transformou en festa, festa e festa, moito ocio e nengunha cultura. Isto lévame a unhas reflexións que me levan a unha nova colaboración con este medio.
Fágome a pregunta de si este é o xeito de demostrar interese polo rico pasado medieval da cidade de Pontevedra. Xa no ano 2002, tiña en mente a creación de "Centro de Estudos Medievais de Pontevedra" como o que existía na vila de Noia. Incluso chegara a deseñar un logo!
Daquela andábamos polas primeiras edicións da "Feira Franca" en Pontevedra, daquela había concertos de butaca de música medieval, lembro que así foi como vin o grupo "Cinco Siglos", un grupo que con recreacións de instrumentos da época intepretaban música medieval. Eu tiña un disco deles, que o escoitara un cento de veces, que alí mesmo non só mo asinaron os membros daquel grupo formado en Córdoba, senón que lles merquei un disco novo, que igualmente escoitei un cento de veces. Daquela igualmente había un ciclo de cine sobre a Idade Media no "Teatro Principal" onde vin por enésima vez O nome da rosa de Jean-Jacques Annaud, que recrea a xenial obra de Umberto Eco do mesmo título, ou a obra mestra do cine clásico Becket, con grandes papeis de Richard Burton como Thomas Becket e Peter O’Toole coma o rei Enrique II de Inglaterra. Así mesmo, medievalistas coma Carlos Barros eran convidados para dar conferencias en Pontevedra e darnos unha lección maxistral sobre os Irmandiños. Todos estes eventos culturais eran de acceso libre, sen necesidade de vestirse de época.
Está ben que a xente o pase ben comendo chourizos e empanada nas rúas do casco vello cheas de palla (para desgraza dos que sofren algunha alerxia, que neses días non poden saír de casa), vestidos de época ou como queiran, pero é unha equivocación pensar que iso é mostrar interese pola pasado da cidade. Por certo, pasaron máis de vinte anos e aínda sigo tendo en mente a ese "Centro de Estudos Medievais de Pontevedra". Pero non quero que ese "Centro de Estudos Medievais de Pontevedra" sexa un chiringuito máis, unha cátedra para fomentar ideoloxías, que non ideas, e impor visións unilaterais á cargo das arcas públicas, non, senón que sexa un centro serio de onde saian aportacións valiosas para o coñecemento do noso pasado, atraer talentos, non recompensar clientelas nen satisfacer egos. Poderíanse crear bolsas de investigación para fomentar que se realizaran tesinas, traballos de fin de Máster e teses doutorais ca temática centrada na Pontevedra medieval. No prazo duns anos poderiamos avanzar moitísimo no coñecemento da historia medieval da nosa vila con eses doutorandos e doutorandas buceando nos arquivos e bibliotecas e aportando novos coñecementos sobre a sociedade pontevedresa medieval, as relacións de poder, a marxinación, a vida cotiá ou a economía. A publicación dunha revista, xa fora dixital, xa fora física, de xeito periódico con temática da Pontevedra medieval podería selo colofón desde "Centro de Estudos Medievais de Pontevedra". As aportacións serían do máis interesante para o coñecemento do noso pasado, en todo caso aportaría máis que comerse uns chourizos á brasa nunha praza pública. Sen non o facemos nos, dende Pontevedra, quen o vai facer? As veces veñen de fora a darnos boas leccións, lembro que o mellor libro que lin sobre Xelmírez foi o dun medievalista británico, Richard A. Fletcher, cuxa obra A vida e o tempo de Diego Xelmírez foi traducida o galego dende o inglés sen antes pasar polo castelán.
Hai fondos documentais pontevedreses perdidos en Simancas e noutros arquivos agardando que alguén os descubra, igual nalgún palimpsesto, a saber onde. Creo que é máis interesante descubrir e publicar esta documentación que degustar unha empanada nunha das prazas pontevedresas vestido cun traxe que non levas tódolos días.
Dame pena como ano a ano pérdese a oportunidade para a creación deste centro de estudos, mentres que os eventos culturais das primeiras xornadas da "Feira Franca" foron desaparecendo en aras da diversión, o ocio, e a festa pola festa: xa non hai conferencias, nen concertos de butaca, nen ciclos de cine. Gustaríame que volvera a programación cultural dos primeiros anos. O evento principal de toda a Feira é un torneo na praza de touros que serve para branquea-las subvencións dadas ós propietarios do coso taurino e con iso eternizar nas beiras do Lérez o vergoñento espectáculo das touradas. Sobre a sinrazón de que nun mundo "civilizado" haxa xente que siga disfrutando co espectáculo dun animal torturado, provócame grandes reflexións, pero iso pode ser materia para outra colaboración, e ademais sei que o falar da tauromaquia en Pontevedra ando a tocar fibras sensibles, xa que a pesar de que, por sorte, son cada vez menos os que asisten a estes incivilizados espectáculos, hai certos sectores que seguen defendendo que torturar un animal é cultura. Para este tipo de eventos, nen un céntimo. Máis cultura, menos tortura!