Pedro J. Peón Estévez
Blue Star, Lord Wimborne e a Marquesa de Santa Cruz
Nos primeiros 70 tinhamos poucos anos e memos sentidinho. Unha estrela azul guiounos ate a esquina de San Antoninho con Perfecto Feijóo (nada que ver co autodenominado "bo xestor")
Naquel baixo, os amigos Carme e Moncho creaban a BLUE STAR, a melhor cafetería da época en Pontevedra. Formaban unha encantadora perelha. Eran de Ourense, de Castrelo de Minho, onde loitaran naquela guerra desigual contra o encoro antes de emigraren a Londres para trabalhar na mansión dun aristócrata; Carme de doncela e Ramón de camareiro. De camareiro, de Daniel, conhecímolo a el mentres remataban a Blue Star. Co tempo, creo lembrar oirlhes dicir o que dixemos todos os emigrantes retornados algunha vez: "Que se me perdía a min aquí co ben que estaba alá ?" A resposta sempre foi a mesma: "A fodida morrinha". Naquela casa senhorial trabalharon uns anos e alí nacéronlhe o filho maila filha e alí miraron cen veces á Marquesa de Santa Cruz pendurada…
- Aforcada ??!!, E logo que delicto cometera "diormío" ?
- Ningún. Estaba pendurada na parede coma tódolos cadros, podo seguir ?
Ben, estando eu na barra do Blue Star deron, na televisión, unha noticia internacional: un lord inglés posuía un cadro auténtico de Goya e non o quería arriar.
- Valente pilhabán este lord Wimborne. Como non lhe solten unha milhonada, este non arría o cadro, non -comentou Moncho olhando a pantalha de esguelho sen deixar de trabalhar. Lord Wimborne fora o xefe de Carme e Ramón na capital británica…pero vaiamos coa marquesa.
Chamábase Joaquina Téllez - Girón. Era a segunda filha dos Duques de Osuna e xa fora pintada, cando contaba tres anos de idade, polo propio Goya nun retrato familiar. Neste lenzo (1805), a moza (tinha vinte anos) xa era a senhora de Gabriel de Silva - Bazán, 1º director do Museo do Prado, onde se atopa o cadro desde 1986. Adopta unha pose en plan maja vestida recostada sobre a súa dereita e tocada con coroa de landras e folhas de carbalho, remedando á nereida Erato, musa da poesía, portando na súa man esquerda unha "liritarra", (instrumento de corda entre lira e guitarra) coa particularidade de ter na base UNHA ESVÁSTICA pintada. Na guerra civil, e a fin de protexela, é enviada fóra xunto con outras obras de arte. Volve a España en 1940 e é adquerida por Franco por un milhón de pesetas (que seica non chegou a pagar) co fin de agasalhar a Hítler no seu encontro de Hendaya. Total; que Hítler foise sen pena nin gloria e Franco veuse sen gloria nin pena e o cadro ficou esquecido na aduana de Hendaya. Aínda que sempre fora propiedade da casa Silva, sen saber moi ben como, rematou nas mans dun tal Félix Fernández, coleccionista de arte e, cando este morreu, o cadro foi vendido, presuntamente con documentación falsa. De calquera maneira reaparece como propiedade de lord Wimborne e saltan as alarmas en 1985 cando este quixo subastalo, que foi cando saeu no televisor do BLUE STAR.
Total; que o Prado meteuse nun pleito internacional que se saldou indemnizando a Lord Wimborne co pago de 6 milhóns de dólares (900 milhóns de pesetas da época!). Tinha razón Ramón: valente pilhabán o tal lord!
Se algunha vez os nosos deberes de pais e avós nos levan a Madrid, tenho proxectado ir ó Prado a visitar a Dona Joaquina, tanto como filha dos duques de Osuna como ataviada de musa Erato.
E, que queren que lhes diga, a min paréceme moi fermosa a tal Joaquina, moito máis que as majas e esa pintura, unha beleza que non desmerece as outras do Mestre. Pero, claro, eu de pintura non entendo…
Probablemente Franco regaloulhe o cadro a Hítler porque tinha unha "esvástica" pintada (que non foi pintada a posteriori, como algúns pensaron). En realidade trátase dun Tetrasquel ou Lauburu, símbolo celta ancestral que pintara Goya co fin de darlhe un aire mitolóxico.
Rematada a etapa do Blue Star, ainda a valente Carme volveu emigrar a Londres. Lembreime moito dela lendo "Virtudes (e outros misterios)"de Xesús Fraga. Moito se leva falado da emigración en xeral pero pouco da feminina, de tantas mulheres que foron soas lonxe na procura dun mundo melhor para a súa familia.
Paso case a diario por diante do recanto Perfecto Feijóo- San Antoninho e boto en falta a Carme, Moncho e os lhinkases de limón dalgún tempo.