Xerardo Torrado Agulla
Quo vadis, ABAU?
A semana pesada o grupo de investigación "Síncrisis" da Universidade de Santiago de Compostela fixo un interesante seminario sobre a cidadanía na antigüidade clásica de dous días de duración. Houbo animados debates, pero o que tiñamos todos claro é que as categorías usadas no pasado as veces nos son totalmente alleas e ante ese descoñecemento non podemos reconstrui-lo pasado tal e como nos gustaría a nós. Se partimos de categorías actuais, tales como o Estado-nación de tipo fichteano-hegeliano, tropezaríamos cun enorme muro de formigón e a visión que nos podemos facer do pasado pode ser totalmente errónea por aplicar o século V a.C. categorías inventadas no XIX d.C. Unha cousa é o que nos podemos considerar como cidadanía, e outro ben distinto o que Aristóteles, a hora de escribir a súa Política, podería entender como cidadanía.
Semanas antes, na mesma facultade, impartírase unha conferencia, neste caso non de Historia Antiga, senón Historia Moderna, pero sen saber uns doutros, a esencia era a mesma, a mensaxe era a mesma: non podemos xulgar, e moito menos reconstrui-lo pasado á nosa medida e capricho. Tanto a ideoloxía como a moral son unha parella á cal o historiador nunca debe sacar a bailar.
O mesmo día da segunda sesión do seminario, o regresar a Pontevedra e abrila prensa, atópome cun titular: o temario de Historia na ABAU comezará no século XVI e, por suposto, os contidos estarán viciados por cuestións ideolóxicas e categorías do século XXI.
Atópome cunha incongruencia: mentres a comunidade seria, académica, de historiadores defende que non se pode construir un pasado á medida, o ensino preuniversitario insiste no contrario. É como se a comunidade científica concordarse que a Terra é redonda e achatada nos polos, pero os profesores de secundaria tiveran que ensinar que a Terra é plana. Un esperpento, como o é de facer desaparecer do temario á Prehistoria, á Historia Antiga e á Medieval. Seica estas etapas escápanlle máis os seus afáns adoutriñadores. Xa que o Estado, sexa da cor que sexa, sempre trata á Historia como a gran rameira: todos usan dela para o seu beneficio e para xustifica-las súas ideoloxías.
Calquera perspectiva é constructiva, non explicativa, constrúe, non explica, e o fai dende unha perspectiva absoluta que atopa e xustifica o que quere, xa sexa a invención da patria hispánica dende Viriato (que para os españois era español e para os portugueses era portugués), sa sexa o reino Astur, que nunca existiu, xa sexa convertir en feministas a persoaxes coma Julia Domna no século II-III (coma aparece nunha serie de televisión que non me molesto en ver, cando podo pasar unha boa tarde lendo a Tito Livio) ou a monxa Exeria no século IV, iso é como dicir que había marxistas antes de Marx e cristiáns antes de Xesús. E é que o fin de toda ideoloxía é convencer de que sempre estivo aí, España foi España dende os habitantes das cavernas, din. O que serve para a ideoloxía, non serve para a Historia.
A Historia, mal lles pese, non está para xustificar nen a súa ideoloxía nen a de ninguén. As opinións son como o nariz, todo o mundo ten un, pero a Historia con maiúsculas só aconteceu dun único modo, e por medio do documento, non da ideoloxía, podemos chegar a coñecer cómo aconteceu o pasado. Para construi-lo pasado, temos o documento de variada natureza, escritos, orais, folclóricos e disciplinas como a epigrafía, a arqueoloxía e o estudio da cultura material, a paleografía e a numismática, e sobre todo, á crítica textual e histórica. Neste panorama, a ideoloxía, veña de roxos ou azuis, só representa manipulación e non educación.
Vou a seguir usando do antropólogo Marvin Harris e vou tratar de ser claro e conciso. Hai dous xeitos de achegarse a unha cultura, os seus aspectos mentais e conductuais, dúas perspectivas: "Emic" e "Etic". "Emic" é a perspectiva adoptada por un antropólogo na cal trata de pensar coma un nativo, onde a proba da adecuación é a correspondencia do mundo aceptado por aqueles nativos como real, significativa e apropiada. Pola contra, a "Etic" é a perspectiva do observador, onde o antropólogo usa categorías científicas, as veces non comprendidas polo nativo, medindo e xustapoñendo actividades e acontecementos que ós nativos lles parece inadecuados ou carentes de significado. Hai unha célebre cita de Herodoto de Halicarnaso, onde para deixar claro o carácter poliétnico do exército persa pon a dúas persoas extrañadas polas súas prácticas á hora de enterrar ós cadáveres dos seus antergos. Un lle din a outro: "pois nos os enterramos", o outro, todo soprendido e sentindo repulsa por aquela práctica que consideraba incivilizada contesta: "pois nos, os comemos". Si distintas eran as civilizacións contemporáneas do século V a.C., cando escribe Herodoto, cánto máis serán distintas e incomprensibles as civilizacións da antigüidade baixo as categorías do século XXI d.C.?.
O historiador ten que vencer as dificultades que lle pon o documento histórico para achegarse cunha perspectiva "Emic", sabendo, e recoñendo, que as súas categorías e as do observado son distintas. Isto está claro para a comunidade seria de historiadores, pero para os que crean os contidos para a asignatura de Historia en secundaria, isto non está nada claro. E semella que os creadores deses contidos non son historiadores, senón representantes dunha ideoloxía, xa que, coma eu sempre digo levando paos de tódolos lados por iso, unha cousa é ter ideas, e outra, moi distinta, é ter ideoloxía. O primeiro é sempre bo, en troques, o segundo pode ser perverso como demostraron falaces acontecementos históricos do século XX coma o nazismo e a Shoa e as purgas na Unión Soviética.
Nos libros de texto de matemáticas, nos que estudian hoxe os alumnos e nos que estudiei eu, dous por dous sempre son catro. En troques, cada cambio de goberno significa novos contidos para a asignatura de Historia. Cambia a Historia?, non, cambia a ideoloxía, e, volvo a insistir provocando un déjà vú a quen me lea, a Historia, guste a uns e desguste a outros, só aconteceu dun xeito.
Todo o mundo dime que teño que opositar para ser profesor de secundaria, pero sentiríame sucio, se consentira en impartir unha asignatura de Historia que non se ciñera ó documento e que servira á ideoloxía, cuns temarios non escritos por historiadores serios, senón por comisarios políticos de variado pelo. Pero, como a fame mata máis que o medo, e de algo hai que vivir, e sen atopar traballo nen rebaixando o meu nivel de esixencia, e gastando tódolos cartos habidos e por haber en sanidade privada ante a desidia do SERGAS polos meus problemas de saúde, igual caio da burra e póñome a opositar. Dende que teño uso de razón sempre quixen vivir da investigación. E investigar, investigo, pero non cobro un peso.