Tribuna Viva
Familias do IES de Poio denuncian problemas no funcionamento do trasporte
As familias de IES de POIO denuncian que o pasado xoves día 27 de setembro de 2023 o condutor e a coidadora da liña de transporte que cubre RUTA 1: Beiro-Carpint. Piñeiro (Butano) abandonaron un grupo de alumnado na rotonda da Fragamoreira- Poio a 2.5 km dos seus domicilios.
A liña de autobús que cubre esa ruta atopou un cartel en obras ao chegar a ese lugar e, de xeito unilateral, ambos traballadores (conductor e coidadora) tomaron a decisión de baixar ao alumnado pertencente a ese tramo de ruta (dende Fragamoreira ao Hotel San Juan).
A citada decisión que toman estas persoas fana sen poñerse en contacto coa dirección do centro e, moito menos, coas familias do alumnado, o que implica varias cousas:
- O alumnado tivo que camiñar nalgúns casos 2.5km de distancia aos seus domicilios.
- A estrada non ten beirarrúas.
- A estrada estaba en obras e non sabían se había maquinaria pesada na calzada, con asfalto recente e con todos os perigos que supoñen as obras, e aínda así, tanto o conductor como a coidadora mandaron os estudantes baixar do autobús.
O pasado luns 2 de outubro, varias familias afectadas, puxeron en coñecemento da empresa este feito quen, de xeito verbal, comunica que o proceder do conductor e da coidadora é o correcto e que eles non teñen nada que dicir ao respecto deste incidente.
As familias abaixo asinantes estamos cansas da actitude da empresa que se encarga do transporte escolar (MONBUS), mantén unha actitude de desprezo cara as familias, tomando decisións de xeito unilateral que poderían poñer en perigo ao alumnado.
Sempre existen problemas co transporte escolar, dende alumnado da ESO que nalgún momento quedou sen praza no transporte, ao alumnado de Bacharelato que non ten praza para acudir ao centro; sabendo a empresa e a administración, que non existen liñas regulares de transporte para que este alumnado poida acudir ao centro, e sendo as familias as que temos que poñernos de acordo para transportar pola nosa conta a dito alumnado.
Ante todo isto, queremos poner en coñecemento da opinión pública este trato degradante da empresa cara as familias e reclamamos que a administración educativa actúe para evitar que se repitan estas graves situacións no futuro.