José Freire
Inverter a carga da proba
España é, ao meu criterio, un país corrupto. A moral cívica que existe na cidadanía é a de considerar listo, intelixente e triunfador a quen engana á facenda pública e faise rico, e torpe, parvo e fracasado a quen paga todos os seus impostos e vive modestamente.
Esta moral herdada dos tempos da ditadura, incrementada polos gobernos de Felipe González cos Boyer e Solchagas, mantida na súa cúspide polos de Aznar, e alentada aínda máis polos de Zapatero e Raxoi, convértennos nunha das sociedades máis corruptas de occidente. Non é que entre os políticos haxa unha porcentaxe elevada de corruptos, que os hai, é que é así en todas as profesións e en todos os ámbitos da sociedade.
A Policía e os policías tampouco escapamos a ese ambiente porque somos membros desta sociedade. Alcanza aos medios de comunicación, á xudicatura, mánchao todo como un aceite negro e pringoso e vívese coa maior naturalidade.
Na Policía, por falar da miña profesión, é habitual o desembolso de centos de miles de euros en material que non funciona, sen probalo antes; a adquisición dun helicóptero por uns cantos millóns de euros para trasladar ao Director Xeral e ao seu séquito por toda España, poñendo como desculpa que é para trasladar aos Geos, máis para iso non fan falta asentos de coiro como os que leva o aparato; que se apoie por quen pode facelo a un subordinado para ascender xa sexa a oficial ou a comisario, ou que alguén, sen cumprir os méritos establecidos regulamentariamente, sexa proposto para unha condecoración simplemente polo capricho de quen o propón. En datas recentes comprobamos como se condecoraban a tres mandos policiais, que non habían participado activamente no rescate das vítimas do accidente de Angrois, con recompensas que levan implícito unha remuneración económica, namentres eran desprezados os funcionarios policiais que habían dado o mellor de si para salvar o maior número posible de vítimas.
En materia de corrupción habería que empezar por sentar as bases duns principios éticos sólidos e irrenunciables para os cidadáns e para a Policía, porque está ben que investiguemos a Gürtel e que se intente chegar ata o fondo do asunto, como está ben que un presidente de CCAA dimitise por ser imputado polo delito de suborno impropio, pero se "a gran tenda" falase e contase cantas cazarías pagou e a que persoas con cargos institucionais moi importantes, ou cantos comisarios se compraron traxes a prezo "especial", habería para varios Gürtel e algún afectaríanos de cheo á Policía como Institución.
A corrupción debe ser considerada crime organizado e un cambio lexislativo fundamental sería inverter a carga da proba.
Neste asunto de loitar contra a corrupción o distintos Gobernos tampouco destacaron pola súa firmeza. Inverter a carga da proba significa que, coñecido un incremento patrimonial de alguén este deberá xustificalo, e se non o fai, é unha proba de corrupción. Poucos dos ricos deste País resistirían hoxe a proba de ter que xustificar que fixeron para gañar tanto diñeiro.
Máis isto non vai ser así. Porque a actual sociedade, o actual sistema, está sustentado, no seu funcionamento, sobre unha corrupción de determinados grupos e clases sociais que fan e interpretan as leis para aplicarllas a outros, pero nunca sobre eles mesmos.
E namentres, uns cada vez máis ricos e outros, a maioría, cada vez máis pobres. E non pasa nada.